MOBILIDADE

O programa Colecamiños chega ao CEIP López Ferreiro

30/11/2023 O programa Colecamiños comezou hoxe a súa andaina no CEIP López Ferreiro, con máis de trinta nenos e nenas inscritos. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, acompañou esta mañá ás crianzas e ás suas familias no primeiro día da implantación dos camiños escolares seguros, guiados pola Policía Local.

O Colecamiños do CEIP López Ferreiro, que foi demandado pola propia ANPA, conta con dúas rutas. A primeira parte da rúa de Escultor Asorey e discorre por Tras Santa Clara, San Roque, e Loureiros ata a chegada ao colexio. A segunda ruta parte da vagoada de Vite, e pasa polo parque de Xixón e Xoán XXIII. Nos dous casos, os percorridos non duran moito máis de dez minutos. Os nenos e nenas que participan no programa van equipadas con chalecos reflectantes e coas pulseiras que deben pasar polo punto de control instalado no colexio para comunicar a súa chegada ao centro.

O concelleiro de Mobilidade lembrou que o obxectivo do Colecamiños é "reducir a presenza de vehículos privados na contorna dos colexios, pero tamén fomentar hábitos de vida saúdables entre as crianzas". Xan Duro tamén recordou que "o feito de iren camiñando xuntos á escola fai que os nenos e nenas socialicen, se divirtan, gañen en autonomía e coñezan mellor a súa cidade". O edil fixo unha chamada ás familias do CEIP López Ferreiro para que se sigan incorporando ao programa nas próximas semanas.

Compartir: