DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Comezan os roteiros saudables da Asociación Española Contra o Cancro en Compostela

29/11/2023 O próximo domingo, 3 de decembro, comeza o programa de Roteiros Saudables organizado pola Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, unha actividade dirixida ao público en xeral que tén como obxectivo fomentar un estilo de vida activa que axude a previr tanto o cancro como outras enfermidades. A iniciativa foi presentada hoxe nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e o presidente da Xunta Local da AECC en Compostela, Francisco Pais.

María Rozas aproveitou a presentación para agradecerlle o seu traballo á Asociación Española Contra o Cancro e para invitar á cidadanía a participar nestas rutas "que ademais de fomentar unha vida saudable son unha boa oportunidade para compartir experiencias, para normalizar a enfermidade, para que os doentes e as súas familias pero tamén a cidadanía en xeral camiñe xunta en procesos que son duros".

Os Roteiros Saudables, enmarcados no convenio de colaboración entre a AECC e o Concello, son unha actividade gratuíta, dirixida tanto a pacientes de cancro e ás súas familias, como tamén á poboación xeral. O primeiro será o 3 de decembro, a partir das 12.00 horas, e con punto de partida desde o Multiusos Fontes do Sar ata o parque Eugenio Granell. Os roteiros terán lugar cada quince días, serán sempre de baixa dificultade e cunha duración de entre unha e dúas horas. Están previstos diferentes percorridos, entre o Restollal e SAr, entre o Restollal e o Banquete de Conxo, ou pola carballeira de Santa Susana.

As inscricións están abertas, e poden facerse na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago de Compostela, situada no número 29 da avenida de Barcelona; no teléfono 981 57 64 79 ou no correo electrónico santiago.compostela@contraelcancer.es

Vida activa para a prevención

Os Roteiros Saudables enmárcanse na estratexia de prevención da Asociación Española Contra o Cancro. Os beneficios que se buscan cos percorridos son combater o sedentarismo a través dun estilo de vida activa, xerar un espazo de encontro, aumentar o benestar e modificar os hábitos da poboación para axudar a previr o cancro e outras enfermidades non transmisibles. Ademais, da man dos voluntarios da Asociación que dinamizan os roteiros, poderanse percorrer a pé zonas de interese de Santiago de Compostela.

Compartir: