TURISMO

Compostela promociónase na IBTM World como destino internacional para viaxes de incentivo

29/11/2023 Turismo de Santiago manterá un axenda de preto de 50 reunións con axencias interesadas na cidade como destino MICE, a maior parte delas internacionais.

Turismo de Santiago, a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de congresos, o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participa na Feira Internacional IBTM World, un dos principais encontros profesionais internacionais do sector MICE (Turismo de Reunións, Incentivos, Congresos e Exposicións), que se celebra en Barcelona entre o 28 e o 30 de novembro.

Durante os tres días da IBTM World, o SCCB ten confirmadas 45 reunións con axencias que amosaron o seu interese previo en traballar con Compostela como destino. A maior parte delas son axencias internacionais, destacando principalmente o interese de axencias de Noruega, con sete solicitudes, Países Baixos, con seis, e EEUU, con cinco. Este interese amosado por profesionais de mercados tan distintos é unha sinal da mellora constante do posicionamento de Santiago como destino internacional dentro do sector MICE.

Segundo os datos da Spain Convention Bureau, o gasto medio dunha persoa que viaxa por reunións foi no 2022 de 335 euros ao día, unha cifra que triplica o gasto medio diario dun turista vacacional tradicional. Ademais, a maior parte destas viaxes por incentivos e reunións fanse fora dos meses centrais de tempada alta, polo que fomentan a desestacionalización dos destinos. Por estes dous motivos a aposta polo turismo MICE é unha aposta estratéxica para mudar o modelo turístico de Compostela, apostando por un segmento cun alto valor engadido.

Nesta edición do IBTM World participan máis de 3.000 expositores, procedentes de 100 países. Tamén participarán máis de 15.000 profesionais no evento, superando ampliamente as cifras tanto do 2019 previas á pandemia como as do ano pasado, nunha sinal da forte recuperación global que está vivindo este sector que previsiblemente continuará a medio prazo. O obxectivo de Turismo de Santiago é aproveitar este forte crecemento que está vivindo o sector MICE e consolidar a cidade como un destino de dimensión internacional neste segmento estratéxico.

Compartir: