EDUCACIÓN

Entréganse os premios da X edición do concurso literario "Ánxel Casal"

27/05/2005 A Casa do Concello acolleu o acto de entrega de premios do Concurso Literario "Ánxel Casal", nun acto presidido polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos.

O venres 27 de maio entregáronse os premios do VII Concurso Literario Ánxel Casal, que organiza o Departamento de Educación e Mocidade. Ao acto asistiron os gañadores deste certame así como os directores dos centros de ensino nos que cursan estudios, profesores e familiares e amigos dos premiados.

Na modalidade de poesía resultou gañadora Alicia Fernández Rodríguez, do IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, co título "Había unha vez … (ou da inxenuidade nos primeiros xogos)". En opinión do xurado, "a autora fai unha proposta poética novidosa de moi alta calidade na que, partindo dos primeiros xogos, constrúe un poemario no que destacan a beleza das imaxes, as sorprendentes suxestións, a narratividade e a depuración formal, para ofrecer unha visión sen tópicos da infancia e un mundo tanxible que fai que o lector se apropie das vivencias da autora." O segundo premio de poesía foi declarado deserto.

En canto aos traballos presentados na modalidade de conto, o primeiro premio foi para Olalla Tuñas Martínez, do IES Poeta Añón (Outes), por unha obra titulada "Pétalos vermellos sobre fondo branco". O xurado quixo premiar "a axilidade narrativa e a solidez argumental, a detallada descrición dos escenarios nos que se desenvolve a acción", o que lle permite ao lector, na súa opinión, "ser cómplice duns mesmos sentimentos nun relato que destaca pola recreación de ambientes, a reflexión sobre as emocións e a maxia do cotián e a concesión aos espazos poéticos".

O segundo premio levouno Xosé Francisco País López do IES Campo de San Alberto (Noia), co título "Lüderitz". O xurado destacou "a valentía do autor para achegarse a unha realidade e unha xeografías alleas, a capacidade de recrear espazos distantes á realidade galega, a procura dun ritmo interno que axiliza o discurso narrativo para crear unha ficción cargada de dramatismo, que nos sensibilizan cos feitos narrados."

Na modalidade de teatro, os premios declaráronse desertos.

Tanto a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, como o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo, despois de felicitar aos premiados, coincidiron en sinalar a alegría que lles produce a aprobación da proposta no pleno de onte para que o Día das Letras de 2006 se dedique a Ángel Casal. Ademais, animaron aos gañadores do concurso a seguir escribindo.

O premio "Ánxel Casal"

O premio literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I e en recoñecemento do insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela.

O Premio Ánxel Casal naceu coa intención de promover a creación literaria entre os alumnos e alumnos dos centros de ensino secundario de Galicia. En cada unha das súas tres modalidades, poesía e conto e teatro, o premio está dotado cun primeiro premio de 902 euros e un segundo de 601 euros.

O xurado desta edición estivo formado pola concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos López; as escritoras Anxos Sumai e Antía Otero Rodríguez; Rubén López, profesor de literatura do IES Antón Fraguas e o actor e director de teatro Kiko Cadaval, actuando como secretario Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do departamento de Educación e Mocidade.

Compartir: