EDUCACIÓN

Aberto o prazo para participar no programa de conciliación de Nadal VacaLudos no Espazo María Miramontes

31/10/2023 Ata o 8 de novembro estará aberto o período de solicitude de praza nas actividades do programa de conciliación de Nadal VacaLudos que se desenvolverá no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro. Tamén abre hoxe o prazo de solicitude para participar no programa de conciliación nos CEIP Quiroga Palacios e Monte dos Postes durante o período de Nadal.

O programa VacaLudos ofrece un total de 73 prazas, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos empadroados/as ou que estean matriculados/as nun centro de ensino no municipio de Santiago.

O programa divídese en dúas quendas: a primeira, o 22, 26, 27 28 e 29 de decembro; e a segunda cubrirá o 2, 3, 4 e o 5 de decembro, ambas en horario de 07:45 a 15:00 horas. As persoas usuarias poderán solicitar desde hoxe e ata o día 8 de novembro, as quendas que sexan do seu interese por orde de prioridade. O centro publicará a listaxe de admitidos e admitidas por quenda o vindeiro 22 de novembro.

As actividades son de balde e ao procedemento de solicitude e os criterios de prioridade para a asignación de prazas de matrícula farase segundo as indicacións recollidas no documento ao pé desta información.

Ubicado na rúa Fontes do Sar, o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes ou Ludoteca das Fontiñas, conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas. Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e a colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa, polo que está equipado cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade. Inclúen espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

Programa de conciliación de Nadal nos CEIP

Hoxe, 31 de outubro, tamén arranca o período de presentación de solicitudes para participar no Programa municipal de conciliación de Nadal nos CEIPs Quiroga Palacios e Monte dos Postes, cuxo prazo estenderase ata o xoves 9 de novembro.

Este programa, dirixido á cativada escolarizada en educación infantil e primaria do municipio de Santiago, desenvolverase entre o 22 e o 29 de decembro e entre o 2 e o 5 de xaneiro. As familias interesadas poderán solicitar as dúas quendas ou unha delas coas diferentes modalidades e servizos. Así, o horario será de 9 a 14 horas e ofrécese a posibilidade de que as familias poidan solicitar un servizo de madrugadores con almorzo (de 7.45 a 9 horas) e un servizo de comedor (de 14 a 16 horas).

En total, o Concello de Santiago ofrece 95 prazas entre os dous centros, das que 12 estarán reservadas para nenos e nenas con informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago que terán carácter de acceso prioritario ao programa. Asemade, ofértanse 50 prazas para o servizo de comedor e 30 para o de madrugadores.

Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para os nove días é de 99 euros. Se a nena ou neno vai só á primeira quenda, a de decembro, a tarifa é de 55,50 euros; e de 43,50 euros para a quenda do mes de xaneiro. Co obxecto de favorecer a participación das persoas usuarias con escasos recursos, establécense unhas reducións do 50 e do 100% dos prezos ordinarios.

Compartir: