CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC Maruxa e Coralia celebra o seu primeiro aniversario

31/10/2023 O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica celebra o seu primeiro aniversario cunha programación especial que se vai desenvolver do 6 ao 13 de novembro. O concelleiro Xan Duro presentou hoxe as actividades, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por Lupe Rodríguez, técnico da rede de centros.

O edil salientou "o antes e o despois que supuxo para a veciñanza da zona vella a apertura deste centro, que viña sendo longamente demandado, que se fixo agardar máis do que sería desexable, pero que hoxe é un modelo a seguir na rede". Xan Duro tamén incidiu na "implicación e participación da cidadanía nas actividades do Maruxa e Coralia, que é un centro aberto ás achegas veciñais mesmo para deseñar a súa programación". Para o concelleiro, "o importante para nós deste centro é que contribúe a xerar comunidade, algo que reivindicamos especialmente na zona vella, convencidos de que hai que lembrar que este é un barrio para vivir e non só para ser visitado polos turistas". A boa acollida do CSC Maruxa e Coralia reflíctese nos números deste ano, nos que máis de 17.500 persoas pasaron polo centro para participar nas diferenteeñs actividades.

As actividades do primeiro aniversario do CSC Maruxa e Coralia comezarán o próximo luns, 6 de novembro, cun festival de microteatro en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado, Fegatea. A partir das 18.30 horas, poderánse ver tres pezas: "Tránsito", de Teatro de Cámara Ditea; "Anticonversas", de Fauna 113; e "O abrigo de pel de Martas", de Atrezo Teatro.

Para o martes 7 está prevista a inauguración dunha exposición de pintura, do artista Jorge Mirás; e xa no mércores 8, a maxia chegará ao CSC Maruxa e Coralia, coa actuación de Joshua Kenneth dentro do festival Abracastaña. Será a partir das 18.30 horas. A música será protagonista na celebración do aniversario do centro sociocultural da cidade vella, con catro propostas ben distintas: o xoves 9, a partir das 20.00 horas, haberá unha actuación da Coral Hermano Gómez; o venres 10, ás 20.30 horas, a asociación de veciños O Casco Histórico protagonizará unha sesión de cantos de taberna no CSC; o sábado 11, haberá unha actuación de Dani Barreiro & Friends Trio, a partir das 18.00; e xa no luns 13, a programación especial de aniversario pecharase coas actuacións de Troyanos de Compostela e Tuna Romanceras de Puerto Rico, unha formación que tén a singularidade de estar composta por mulleres. O sábado 11, ás 19.00 horas, haberá unha sesión de cine, coa que nace un novo club de cine vinculado ao CSC, e por último, está prevista unha charla coa Policía Nacional sobre delitos e estafas informáticas. Será o luns 13, ás 12 horas. Todas as actividades son de balde e abertas ata completar aforo.

Compartir: