EDUCACIÓN

Programa municipal de conciliación de Nadal 2023

31/10/2023 O programa municipal de conciliación de Nadal 2023 desenvolverase entre o día 22 de decembro e o 5 de xaneiro, nos CEIPs Quiroga Palacios e Monte dos Postes. Este programa concíbese como un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións.

Esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria da cidade (entre o 2º ciclo de educación infantil e o 3º ciclo de educación primaria) con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O programa desenvolverase durante o período de vacacións escolares de Nadal: os días 22, 26, 27, 28, 29 e 29 de decembro de 2023 e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2023. As familias poderán optar por unha das tres quendas:

- a quenda completa dos 9 días
- os días do mes de decembro
- os días do mes de xaneiro

O horario será de 9:00 a 14:00 horas con posibilidade de ampliar o horario co servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e o servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

Ofertanse un total de 95 prazas, das que 12 reservaranse para nenos e nenas con informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago, que terán carácter de acceso directo ao programa. Asemade, ofértanse 30 prazas para o servizo de comedor e 30 para o de madrugadores.

Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para os nove días é de 99 euros. Se a nena ou neno vai só á primeira quenda, a de decembro, a tarifa é de 55,50 euros; e de 43,50 euros para a quenda do mes de xaneiro. Co obxecto de favorecer a participación das persoas usuarias con escasos recursos, establécense unhas reducións do 50 e do 100% dos prezos ordinarios.

Solicitude

O prazo de inscrición será entre os días 31 de outubro e 9 de novembro de 2023 (ambos os dous inclusive).

As solicitudes presentaranse segundo modelo normalizado ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago, deberá escollerse o trámite "Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación. Programa de Conciliación Nadal 2023. Modelo ED010, dentro do catálogo de trámites dispoñible.

O Departamento de Educación do Concello de Santiago publicará a lista de admitidos e, no seu caso excluídos, na páxina web do Concello de Santiago. No caso de existir máis demanda que prazas ofertadas realizarase un sorteo público

É moi importante que as familias que resultaron adxudicatarias de praza pero que non a necesitan o comuniquen inmediatamente por correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal (indicando o nome do neno/a e a quenda/s nas que se da baixa), aos efectos de que outras persoas en lista de agarda poidan participar e tamén de cara ao organización dos grupos e dos servizos do programa.

Compartir: