PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 1.300 veciños e veciñas achegáronse á cultura maker grazas ao programa "Faino Ti"

28/10/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou hoxe o programa "Faino Ti", co que o Concello quería achegar o movemento maker, as TIC e a cicencia ao conxunto da veciñanza. O programa, financiado con fondos europeos da EDUSI, chegou a máis de 1.300 persoas, que ben participaron nas actividades formativas da Academia Maker ou ben visitaron o Laboratorio de Fabricación Dixital Móbil que percorreu os barrios de Compostela.

O Centro Xove da Almáciga acolleu hoxe o acto de clausura da Academia Maker, unha das actividades enmarcadas no proxecto "Faino Ti", que a concellería de Promoción Económica puxo en marcha dentro da EDUSI, en colaboración co departamento de Centros Socioculturais. No acto, María Rozas salientou o éxito desta iniciativa "tanto polo número de persoas participantes, como pola calidade dos contidos impartidos". A concelleira destacou a vontade do Concello "de darlle estabilidade ás propostas relacionadas cos makers, aproveitando a maquinaria e a tecnoloxía utilizadas neste programa e que son propiedade municipal".

Na clausura da Academia Maker presentáronse algúns dos proxectos desenvolvidos durante o programa, que van desde un dispensador de comida para mascotas a unha gaita electrónica, pasando por un ladrillo termo illante ou un protector de pantalla universal.

Na Academia MAker impartíronse máis de 140 horas de formación, e houbo un total de 675 persoas inscritas. Ademais, o Laboratorio de Fabricación Dixital Móbil que percorreu a cidade nos últimos meses recibiu a visita de 674 persoas, e a web do proxecto contabilizou case un milleiro de usuarios únicos, que fixeron máis de 2.600 visitas á páxina.

O proxecto "Faino Ti" encádrase no programa "Colabora e Innova no teu Barrio", dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado-EDUSI Revive Santiago, financiada nun 80% polo Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2021. O orzamento do programa supera os 200.000 euros.

Compartir: