CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago aproba o encargo a Tragsa da obra de substitución da cuberta do Pazo de Congresos

27/10/2023 Está previsto que as obras comecen o 1 de xaneiro de 2024 e terán un prazo de execución de nove meses.

A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago reuniuse este venres para aprobar, entre outros asuntos, o encargo á empresa Tragsa da obra de substitución da cuberta do Pazo de Congresos compostelán por un importe de 2.715.380,40€.

Encabezada pola alcaldesa da cidade e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, na xuntanza participaron os representantes das outras dúas administracións que conforman o Consorcio de Santiago: pola Administración Xeral do Estado estivo Ángel Esteban Paúl, inspector xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública, e pola Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Ademais, tamén asistiron os representantes dos diferentes grupos municipais, así como o secretario e o interventor do Consorcio.

Substitución da cuberta

Estas obras, que centraron a reunión, buscarán substituír a cuberta do Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, xa que sofre diversas filtracións de auga que afectan a todo o edificio. Está previsto que comecen o vindeiro 1 de xaneiro de 2024 e teñan un prazo de execución de nove meses.

Este contrato tramítase por vía de urxencia tras dúas licitacións. Na primeira delas resolveuse o contrato debido ao encarecemento dos materiais agravado pola situación da guerra de Ucraína, e a segunda, despois dun incremento de máis de medio millón de euros, quedou deserta tras non recibirse ningunha proposta.

Compartir: