SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

O Concello invita a veciñanza a un evento lúdico na rúa Clara Campoamor para pór en valor ese novo espazo da cidade

27/10/2023 O vindeiro martes 31 de outubro a partir das 18:00 horas, a rúa Clara Campoamor acollerá unha actuación musical acompañada de castañas para todas aquelas persoas que queiran achegarse á renovada contorna da rúa Clara Campoamor e Estación Intermodal. Esta remodelación, realizada polo Concello de Santiago no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) permitiu a humanización da rúa e a súa contorna facilitando a convivencia de buses, coches, bicis e peóns e a mellorou a conexión do Ensanche co barrio de Pontepedriña.

O Concello de Santiago organiza o próximo martes, 31 de outubro, a partir das 18 horas un evento lúdico con música e magosto que terá lugar na praza situada diante da Estación Intermodal e que busca poñer en valor para a veciñanza este novo espazo da cidade, remodelado no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI).

Case tres anos despois da súa apertura, a rúa Clara de Campoamor converteuse xa nun espazo de convivencia entre os vehículos privados, as bicicletas, os peóns e o transporte público, tren e autobús, facilitando a conexión entre os distintos modos de transporte. Esta ambicioso proxecto tamén mellorou o acceso á estación intermodal, favorecendo o transporte público e creando accesos seguros para ciclistas, e converteuse nunha parte esencial dos percorridos a pé entre dúas zonas da cidade que antes estaban mal conectadas: os barrios de Pontepedriña e o Ensanche.

Intervención

A remodelación realizouse no ano 2020 sobre un tramo de 800 metros da rúa e os terreos adxacentes, cunha superficie total aproximada de 19.000 metros cadrados. A intervención permitiu a introdución dun carril exclusivo destinado a buses e taxis para facilitar o acceso á Estación Intermodal e a redución da velocidade de circulación para mellorar a transición coa praza e zona de preferencia peonil e a conexión do Ensanche co barrio de Pontepedriña. Tamén se levou a cabo a ampliación das beirarrúas pegadas ás Brañas de Sar.

O investimento total deste proxecto ascendeu aos 1,6 millóns de euros, financiados nun 80% polos fondos FEDER e nun 20% polo propio Concello de Santiago. Grazas a esta colaboración entre a administración municipal e os fondos europeos, a cidade beneficiouse dunha maior conectividade do transporte, repercutindo polo tanto nunha redución das emisións de CO2.

Dende unha visión global da estratexia EDUSI, a reordenación do tráfico na rúa Clara Campoamor súmase a outras actuacións en toda a cidade, financiadas con fondos europeos. EDUSI englóbase no Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, cofinanciado por Fondos Estruturais da Unión Europea, FEDER, e contou coa participación cidadá para decidir as súas actuacións. En total, a estratexia EDUSI permitiu un investimento total de 12,5 millóns de euros, para que, da man da Unión Europea, Santiago de Compostela se converta nunha cidade máis sustentábel e integradora.

Compartir: