ALCALDÍA

O executivo municipal fai balance dos primeiros cen días de goberno

27/09/2023 A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, acompañadas do resto de membros do Goberno municipal, fixeron un repaso polas accións levadas a cabo despois de cen días á fronte do Concello así como dos retos inmediatos e a medio e longo prazo. O executivo municipal deu conta destas cuestións nun almorzo informativo cos xornalistas que tivo lugar esta mañá no Auditorio de Galicia.

A rexedora recordou que todo o equipo do Goberno municipal vén traballando desde a súa chegada ao Pazo de Raxoi cunha "folla de ruta" que conta cos "obxectivos claros" de mellorar a calidade de vida da veciñanza, establecer un diálogo co conxunto da poboación, mellorar a eficiencia administrativa e apostar por unha Compostela viva, diversa, sustentable e igualitaria.

A continuación, Goretti Sanmartín fixo un repaso polas "necesidades urxentes" que se abordaron nestes cen primeiros días de goberno, así como por aqueles "outros proxectos xa iniciados pero que precisaban un pulo" e polos procesos de transformación e planificación a medio e a longo prazo que foron postos en marcha. Así, a alcaldesa destacou algún dos logros acadados ata o momento, como o lanzamento do Código de boas prácticas e da campaña "Fráxil" para fomentar o turismo consciente, a posta en marcha do programa Patrimonio C, a aprobación Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas en espazos de ocio nocturno, así como accións no ámbito da identidade da cidade e da memoria histórica como a celebración da Alba de Compostela ou o acto en lembranza de Ánxel Casal.

Ademais Goretti Sanmartín fixo fincapé "na cantidade de reunións nas distintas áreas" con asociacións de todos os ámbitos, así como os encontros con entidades como a USC, a Delegación do Goberno e a Deputación da Coruña. A alcaldesa tamén aludiu "aos retos máis importantes que temos a partir de agora enriba da mesa" e que son a elaboración e aprobación dos orzamentos do 2024 e a busca dunha solución ao asunto da parcela de Peleteito, "temas dos que daremos conta nas próxima semanas".

Pola súa banda, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, salientou que estes primeiros 100 días "serviron para sentar as bases do que vai ser a acción de Goberno nos próximos anos" e estiveron marcados polo "diálogo e a participación" con "centos de xuntanzas con entidades veciñais e colectivos de todo tipo", así como "un importante esforzo de interlocución cos traballadores e traballadoras dos servizos públicos concestionados", xa que "deles e delas depende o funcionamento deses servizos que son esenciais para a veciñanza".

María Rozas destacou as medidas tomadas no ámbito do transporte público e amosouse confiada "en iniciar a licitación no prazo máis breve posible". Tamén salientou o esforzo que fixo o executivo municipal nestes tres meses por retomar as reunións do Pacto Local pola Mobilidade e o proxecto de creación do Centro Integral de Atención ás Persoas sen Fogar, así como a posta en marcha dunha comisión de seguimento coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, "un servizo que para nós é fundamental".

"Santiago ten moitos retos por diante aos que este Goberno vai atender con toda a dedicación e todo o esforzo", concluíu a primeira tenenta de alcaldesa.

Compartir: