LINGUA

Aberto o prazo para inscribirse na quenda de outono de dous obradoiros de acollemento lingüístico

31/08/2023 O próximo 20 de setembro comeza unha nova quenda dos obradoiros de acollemento lingüístico organizados polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago. Esta actividade de formación presencial en lingua e cultura galegas está dirixida á veciñanza procedente doutras comunidades lingüísticas e vaise desenvolver nas dependencias do Espazo Apego (rúa República do Salvador, 12) todos os luns e mércores ata o 20 de decembro. O prazo para inscribirse está aberto ata o 15 de setembro.

Os cursos contan cun total de 36 horas de carácter presencial divididas en 24 sesións de hora e media. Ademais realizaranse diferentes actividades fóra da aula.

Os obradoiros de acollemento lingüístico son cursos presenciais para achegarse por primeira vez á lingua e comezar a desenvolver as destrezas básicas de comprensión e produción oral e escrita.

As persoas interesadas poden obter máis información na páxina delingua.santiagodecompostela.gal; chamando ao número 981 542 409 ou contactando co Departamento de Lingua Galega municipal a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal. A inscrición realízase enchendo un formulario en liña dispoñible na dita web do Departamento de Lingua. O prazo de inscrición remata o venres 15 de setembro.

Compartir: