CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de centros socioculturais oferta 7.400 prazas nas actividades para o curso 2023-2024

31/08/2023 O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, acompañado pola técnica de programación dos centros socioculturais, Lourdes de la Cruz, deu conta hoxe en rolda de prensa da programación dos CSC para a tempada 2023-2024. Un repaso polas preto de 7.400 prazas ofertadas dentro do programa de actividades organizadas polo Concello de Santiago, e cuxo prazo de preinscrición estará aberto do 6 ao 21 de setembro.

Na rolda de prensa, Xan Duro anunciou que o Concello de Santiago ofertará para esta tempada 2023-24 un total de 560 actividades para público adulto, mozo e infantil en toda a súa rede de centros socioculturais, poñendo á disposición da veciñanza máis de 7.400 prazas, 4.300 destas completamente de balde e outras 3.100, con prezos públicos reducidos. Trátase dun amplo programa o que achega o Concello a través do seu Departamento de Centros Socioculturais, que inclúe tamén actividades nas que tamén colaboran outras concellarías, e as iniciativas postas en marcha polas entidades veciñais, culturais e sociais.

A programación desenvolverase nos 42 centros socioculturais da rede e que abrangue os centros urbanos das Fontiñas, A Trisca, O Ensanche, O Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo, Vite, Cidade Histórica; os centros dos barrios zona urbana 1 (Rocha, Vidán, San Lourenzo, Sar, Cardeal Quiroga e Pontepedriña) e urbana 2 (Almáciga, Amio,C Casa Agraria, As Cancelas, Brañas de Andrés, O Romaño); e os centros rurais da Gracia, Barciela, A Peregrina, Aríns, Bando, Busto, Cesar, Enfesta, Eixo-Bornais, Figueiras, Grixoa, Lamascal, Laraño, Lavacolla, Marantes, Marrozos, Nemenzo, Santa Cristina de Fecha, San Xulian do Carballal, Verdía e Villestro.

O prazo de preinscrición para as actividades dos CSC organizadas polo Concello con número limitado de prazas e pagamento, será do 6 ao 21 de setembro, tanto online como presencial nos distintos centros socioculturais.

O concelleiro explicou que a proposta deste novo curso sociocultural segue a ter como obxectivo "o acompañamento aos grupos de idade, especialmente logo da experiencia comunitaria vivida coa pandemia, a estimulación da vida comunitaria e a participación social a través das actividades de tempo libre", poñendo en valor o fomento do exercicio e a vida saudable.

"Tamén continuaremos coas propostas ben acollidas como os clubs de lectura, xadrez, teatro, as actividades de estimulación da creatividade (pintura, manualidades…), as actividades propias das aulas de xogo e dos espazos de lectura da Biblioteca pública José Saramago dos CSC, charlas informativas a cargo da policía local sobre ocio nocturno, seguridade para as persoas de idade, saídas e paseos culturais pola cidade e exposicións", detallou o edil.

Espectáculos e cultura

Este ano arranca desde o mes de setembro o proxecto de 'Teatro de barrio', conducido por Talía Teatro, que dinamizará un total de 17 grupos de teatro, 9 para adultos e 8 infantís. Os centros participantes son os do Romaño, Santa Marta, O Ensanche, O Castiñeiriño, A Rocha, Vite, As Fontiñas, Conxo e a parroquia de Figueiras.

A rede tamén acollerá nos vindeiros meses 18 espectáculos diversos da Rede Cultural da Deputación, o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado, o 22 e 23 de setembro no CSC de Santa Marta, o ciclo de actuacións da FEGATEA, de outubro a decembro, o XXVIII Festival internacional de monicreques, así cmo os domingos de baile no CSC de Vite cada 15 días.

Envellecemento activo

Xan Duro tamén anunciou que se reforzarán os espazos de envellecemento activo con actividades para persoas maiores de 60 anos, "que teñen sido dos máis illados polo vivido coa pandemia", con encontros, saídas culturais, visitas e encontros con outros grupos de maiores. Destacan a "Escola popular" no CSC O Ensanche ou o "Espazo non tan maiores" nos CSC de Fontiñas e da Trisca, e máis experiencias semellantes noutros CSC como Vite (club Vite maiores) Santa Marta (club dos saberes) Conxo (club espazo sénior), e os espazos sénior nos CSC do rural.

Ademais, increméntase ata 35 o número de grupos para actividades que estimulan a vida saudable a través do movemento en distintos barrios e parroquias , así como as actividades dedicadas o emprego das novas tecnoloxías e que permitirá aos/as participantes aprender a manexarse coa administración electrónica (dni electrónico, trámites telemáticos), facer videochamadas e videoconferencias ou empregar o Google maps para moverse pola cidade.

TerraCeamos+

O concelleiro Xan Duro tamén presentou unha nova edición de TerraCeamos+, que percorrerá as terrazas de seis centros socioculturais entre o 7 de setembro e o 5 de outubro, ofrecendo concertos de grupos rock, folk, rhyrhm and blues, pop....

Trátase dunha inciativa dirixida ao público adulto coa que se pretende poñer en valor os espazos abertos dos CSC, ao mesmo tempo que se ofrece unha actividade de carácter lúdico tanto para os asistentes como para toda a veciñanza.

Dentro da programación, o ciclo ofrecerá un concerto de Mallou, o 7 de setembro no CSC de Conxo; Cuerdas Atlánticas, o 14 de setembro no CSC Maruxa e Coralia; Paula Ferraz, Pedro Cobos e Lidia Chao, o 20 de setembro na Casa das Asociacións de Cornes; Pepe Piña, o 21 de setembro no CSC da Rocha, Dani Barreiro and Friends, o 28 de setembro no CSC de Santa Marta; e de Pablo Somoza Trío, o 5 de outubro no CSC de Vite. Todos os concertos terán lugar ás 20 horas excepto o de Conxo que ás 20:30 horas.

Faino ti, Fab Lab

E para os máis exploradores tamén propostas de maker, deseño 3D, edición de vídeo e audio, no marco do proxecto impulsado polo Departamento de Promoción Económica, ‘Faino Ti, Fab lab’. Trátase dun programa de formación que se desenvolverá entre os meses de setembro e outubro en 8 centros socioculturais, dirixido a mozos de 18 a 25 anos e a maiores a partir de 55 anos. Ademais do ciclo deformación continuada, tamén haberá seminarios dunha soa xornada. Pódese consultar a programación e inscribirse na web www.compostelamaker.gal

Inscrición

Para participar e anotarse nas actividades dos CSC organizadas polo Concello de Santiago con número límitado de prazas e con pagamento o prazo da inscrición comeza o dia 6 e remato o 21 de setembro.

A preinscrición realizarase preferentemente por via online a través da páxina do Concello de Santiago santiagodecompostela.gal, cubrindo o formulario CC002, dispoñible na sede electrónica e na web específica. Tamén se pode facer de forma presencial nos propios centros, onde se lles facilitará o impreso de participación.

O 28 de setembro formalizarase definitivamente a inscrición e o pagamento farase como límite ata o 13 de outubro por vía electrónica.

No caso das actividades dos CSC organizadas por entidades veciñais e culturais as persoas interesadas deben consultar directamente en cada centro para coñecer o procedemento.

A maiores, a extensa rede de centros socioculturais retomará a súa actividade en setembro cos servizos habituais das aulas informáticas nos centros urbanos, a BPM José Saramago , as aulas de xogo, espazos expositivos e de encontro.

Compartir: