CENTROS SOCIOCULTURAIS

Este sábado arranca o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado, no que colabora o Concello de Santiago

30/08/2023 O XXII Festival Agustín Magán desenvolverase entre o 2 e o 22 de setembro no Teatro Principal, na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, e no Salón Teatro. O evento, organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, FEGATEA, conta co apoio o Concello de Santiago.

Serán un total de seis espectáculos nos que participarán outras tantas compañías. O festival arranca este sábado, día 2 ás 20:00 horas no Teatro Principal coa representación da obra "A Pousada do Trú-Trú", interpretada por Desfeita Teatro. O domingo, día 3, Teatro de Cámara Ditea representa, no mesmo escenario, "Nice to kill you". O Salón Teatro acollerá o 9 e o 10 de setembro as funcións "Arte", de Hipócrita Teatro (sábado) e "Almas na gloria: don Paco", de Avelaíña Teatro (domingo). Os días 22 e 23 de setembro, chegan á Sala Magán do CSC de Santa Marta, as pezas "O Randiña", de Pico do Castro e "Apuntamentos para un magnicidio", de Ditirambo, ambas ás 20 horas.

No marco do Festival, o vello Colexio do Castiñeiriño tamén acollerá o sábado 16 e o domingo 17 de setembro, un obradoiro de "Construcción de máscaras de cartón", impartido por Marcelino de Santiago de Kukas que se desenvolverá en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

O Festival Agustín Magán está organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) co apoio das concellarías de Capital Cultural e de Centros Socioculturais do Concello de Santiago e da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o Centro Dramático Galego.

FEGATEA

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 57 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 850 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus máis de 20 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, organizando e colaborando en distintas actividades. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.

Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro...) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, Fega Teatro, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

Compartir: