FESTAS

Santiago e Padrón renovan os seus fortes vencellos un Apóstolo máis

31/07/2023 As festas do Apóstolo celebraron este luns o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse á Casa do Concello.

No Salón Vermello do Pazo de Raxoi, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o rexedor padronés, Anxo Rei, ambos primeirizos neste papel, destacaron os máis 60 anos de tradición desta irmandade entre Compostela e Padrón.

Anxo Rei agradeceu o convite e lembrou os fortes vínculos entre ambas urbes, "económicos e industriais", ademais de dous elementos fundamentais como "Rosalía de Castro ou o Camiño de Santiago". "Para os padroneses e padronesas é sempre especial vir aquí" e convidou a Corporación a unha nova celebración do Día de Santiago en Padrón.

A rexedora compostelá fixo fincapé en que "somos ben conscientes desta ligazón histórica que nos une, unha tradición que se remonta a 1962 pero da que hai pegadas en 1958" e lembrou tamén a Rosalía , "un nexo unión para nós central, que cantou nos seus poemas moitas cuestións que nós defendemos dende os nosos concellos".

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.

Compartir: