XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as actividades de teatro dos centros socioculturais a Talía Teatro por preto de 85.000 euros

31/07/2023 O executivo municipal deu luz verde á adxudicación do contrato que ten por obxecto o servizo de "teatro de barrio" nos centros socioculturais do Concello de Santiago a PRODUCIÓNS TEATRAIS TALÍA SL, cun orzamento de 84.465,02 €. Tamén se acordou manter os prezos públicos e os reducidos nas actividades da rede de CSC para o curso 2023/24, cuxa programación será anunciada nas vindeiras semanas. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A Xunta de Goberno local acordou adxudicar o contrato para o servizo de "teatro de barrio" nos centros socioculturais do Concello de Santiago a PRODUCIÓNS TEATRAIS TALÍA SL, por presentar a proposición económica máis vantaxosa, por un importe de 84.465,02 € (base impoñible de 69.805,80 € máis IVE do 21% de 14.659,22 €), coa seguinte desagregación por anualidades: 14.077,50 € (2023) 42.232,51 € (2024) 28.155,01€ (2025). A alcaldesa destacou que se trata dun servizo "fundamental", xa que a rede de CSC "levan moitísimos anos sendo un eixo vertebrador para que haxa encontros, socialización e actividades". En concreto, "as de teatro son as máis valoradas" e permiten a existencia "de actividades interxeracionais, con xente de todas as idades participando de maneira activa" e tamén que "grupos de persoas afeccionadas" teñan "lugares, espazos e momentos de interconexión", salientou Goretti Sanmartín.

O exectivo municipal tamén aprobou os prezos públicos e os reducidos por razóns de índole social, cultural e de interese público, nas actividades estables e regulares da rede de centros socioculturais para o curso 2023/24, "na mesma liña co dos anos posteriores, cos mesmos prezos que xa levan anos establecidos", segundo explicou a rexedora.

Convenios

O Xunta de Goberno tamén deu luz verde esta mañá a dous novos convenios de colaboración entre o Concello de Santiago e entidades locais, co fin de contribuír ao financiamento das súas accións e actividades.

En concreto, aprobouse un convenio coa Asociación Cultural da Cidade Vella, por un importe de 20.000 euros e outro coa Fundación Andrea de Apoyo a los Niños con Enfermedades de Larga Duración, Crónicas o Terminales, por un importe de 3.000 euros.

Parcela para o aparcadoiro público do CHUS

Goretti Sanmantín tamén anunciou a aprobación da ampliación do prazo da reserva da parcela resto da matriz nova reserva EU-7 do Polígono 2 do Plan Parcial do SUP-5 "durante seis meses máis, para a construción dun aparcadoiro público que minore os problemas de accesibilidade e saturación do tráfico na contorna do CHUS". Trátase dunha parcela "ao lado do CIMUS" que conta "cunha superficie de 3.563 metros cadrados, na que o SERGAS podería facer un construción semisoterrada de tres plantasm que podería albergar unha 320 prazas de aparcadoiro público", necesario para darlle servizo a toda a zona do hospital.

A parcela "xa fora reservada no seu día" para este fin, pero "de momento non temos constancia que desde a Xunta de Galicia teñan interese en facela", detallou a alcaldesa. "Esta será unha das cuestións que tratardemos tamén na reunión que teremos co presidente da Xunta", engadiu.

Compartir: