PLENO

O Pleno aproba por unanimidade dúas declaracións institucionais de apoio ao acordo entre a Corporación municipal e o Foro Cívico e de rexeitamento da censura no mundo da cultura

27/07/2023 O Pleno municipal acordou esta mañá de xeito unánime respaldar o acordo subscrito entre as forzas políticas da Corporación municipal e o Foro Cívico de Santiago que fixa como obxectivos prioritarios para abordar neste mandato o estacionamento do CHUS, a solución á escaseza de vivienda na cidade, a xestión do servizo do ciclo integral da auga, a construción da estación de ferrocarril de mercadorías, a creación de solo industrial e dunha oficina de captación de investimentos e o turismo sustentable. Tamén se aprobou unanimemente una declaración institucional en contra da censura no mundo da cultura e a prol da liberdade de expresión e artística.

Na sesión ordinaria do Pleno desta mañá, a Corporación municipal apoiou de xeito unánime o acordo subscrito entre todas as forzas políticas representadas no Concello e o Foro Cívico de Santiago no que se recollen os obxectivos prioritarios para abordar durante este mandato e no que os grupos expresan a súa "vontade para apoiar a unidade de acción da Alcaldía e colaborar na súa consecución", así como "buscar canles de colaboración para tratar de conseguir un consenso nos temas cruciais para a cidade". Esta declaración foi impulsada polo grupo municipal socialista.

Entre as áreas e obxectivos prioritarios que recolle o acordo para o novo mandato, atópanse os seguintes:

- Incrementar o espazo dispoñible do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), xa que as instalacións actuais son "claramente insuficientes para dar cabida ás necesidades da área sanitaria de Santiago e Barbanza, cunha poboación aproximada de 450.000 habitantes". En especial, o acordo céntrase en resolver o problema de estacionamento no recinto que se verá "seriamente agravado cando o proxecto de ampliación do CHUS sexa unha realidade en 2026".
- Abordar o "problema grave" da cidade "para asentar poboación" debido aos "elevados prezos do metro cadrado dos inmobles postos á venda, a ausencia dunha oferta de alugueiro tradicional a prezos alcanzables, a carencia de vivendas de protección oficial (VPO) en venda e alugueiro e a falta de políticas para a rehabilitación e dinamización do parque de vivendas baleiras -especialmente no Centro histórico". Así, no acordo evidénciase a necesidade de "adoptar as medidas necesarias para evitar que se produza un incesante fluxo migratorio poboacional a outros municipios onde a vivenda é máis accesible".
- Chegar a un consenso sobre a xestión do servizo do ciclo integral da auga, "un dos proxectos de maior envergadura municipal", cuxa xestión se atopa "a día de hoxe paralizada", tras expirar as prórrogas do actual contrato de abastecemento de auga da cidade no ano 2019, co fin de lograr a "prestación óptima do servizo en termos de calidade e economía".
- Realizar un estudo de viabilidade que permita acreditar a RENFE que o tráfico de mercadorías será o suficiente para xustificar o investimento para a construción da Estación de Ferrocarril de Mercadorías, un proxecto xa recollido no "Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1989", cuxo obxectivo é que "a cidade mellore as súas infraestruturas de cara a conseguir unha mellor mobilidade das mercadorías", así como "consolidar a industria existente e atraer a instalación de novas industrias".
- Incrementar o solo industrial a través da "inmediata planificación e posta ao dispor de chan con fins propiamente industriais", así como "dotar a cidade dun gran aparcamento pechado e vixiado para vehículos pesados, con especial previsión para vehículos que transporten mercadorías perigosas", a través de "políticas activas que favorezan a seguridade xurídica, o abaratamento do custo do solo, a súa programación e planificación a medio e longo prazo, a flexibilización e axilización dos trámites burocráticos necesarios -con especial referencia ás licenzas urbanísticas- e a posta en marcha de incentivos e beneficios fiscais que favorezan a idea de Santiago como unha cidade 'friendly' para a atracción de investimentos". Tamén se pon o foco na creación dunha oficina de captación de investimentos, "de colaboración pública-privada", que permita atraer, facilitar e acelerar o investimento nacional e estranxeiro a Santiago; identificar potenciais investidores; atención a investidores estranxeiros; e a difusión internacional da imaxe de Santiago como unha cidade onde vivir e traballar cuns elevados valores engadidos.
- Elaborar unha "folla de ruta que estableza as pautas para a xestión e promoción dun turismo sustentable en Santiago, nos próximos anos, con especial atención aos Anos Santos". O obxectivo é o de "garantir a convivencia e buscar unha xestión sustentable que teña unha coherencia e unha garantía de estabilidade temporal que evite redundancias e gastos superfluos e que ao mesmo tempo coordine os esforzos investidores das diferentes Administracións para anticipar e concretar programación turística, permitindo corrixila con antelación, evitando así improvisacións".

Declaración institucional contra a censura no mundo da cultura

O Pleno tamén aprobou de xeito unánime unha declaración institucional, impulsada polo grupo municipal socialista, na que a Corporación municipal rexeita "a censura cultural promovida polo partido de ultradereita Vox, alí onde teñen cargos de responsabilidade coma alcaldes ou concelleiros de goberno".

No documento detállanse varios casos ocorridos nas últimas semanas que exemplifican esta censura e que supoñen "un ataque directo ás liberdades que tanto custou conseguir neste país" e un "retroceso inaceptable na nosa sociedade". Por estas razóns, a Corporación municipal manifesta o seu "absoluto rexeitamento e condena de todos os actos de censura que se están a producir en todo o país, e reafirma o seu "compromiso e defensa coa liberdade de expresión e artística", e "o total apoio ao mundo cultural", xa que "sen cultura non hai democracia. "A cultura é un dereito fundamental que, na súa creación, expresión e acceso, non debería someterse a ningún tipo de censura", reafirma o texto.

Outros asuntos

Na sesión extraordinaria de hoxe tamén se aprobou o expediente de crédito extraordinario por importe de 124.993 euros para a incorporación de 10 autobuses urbanos para os meses de novembro e decembro, cun custo por vehículo e mes de 6.249,65 euros (IVE incluído). Tamén se acordou a aprobación dun segundo expediente de suplemento de crédito por un importe de 387.818 euros destinados a financiar a subministración de combustíbeis e carburantes das dependencias municipais da UMAD (20.000 euros) e dos Servizos Sociais (35.000 euros), ambas as dúas partidas co obxectivo de facer fronte ao incremento do prezo do gas natural. Este expediente tamén inclúe un suplemento de crédito de 75.000 euros para establecer unha liña de axudas destinadas á adquisición de bens de consumo no comercio e na hostalería mediante a concesión de bonos de consumo.

Na sesión extraordinaria de hoxe tamén se aprobou de maneira unánime o expediente de modificación do orzamento municipal do exercicio 2023 mediante crédito extraordinario por importe 100.000 euros para unha nova subvención nominativa a favor da entidade "Cruz Roja Española" con base na subvención concedida pola Deputación Provincial da Coruña, no marco do programa POS+ Adicional 1/2023.

Compartir: