MOBILIDADE E CONVIVENCIA

A Xunta Local de Seguridade aborda o dispositivo para as Festas do Apóstolo

29/06/2023 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade á que asistiron, entre outras autoridades, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Convivencia, Xan Duro e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, co obxectivo de coordinar de forma conxunta as medidas de reforzo para garantir a prevención e seguridade da cidadanía durante as Festas do Apóstolo deste ano.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que durante o encontro que tamén contou coa presenza de representantes dos corpos e forzas de seguridade, "houbo un espírito de colaboración, entendemento e participación" entre as distintas partes e detallou que se trata da primeira das reunións de "traballo coparticipado" que se levarán de aquí ás datas das Festas do Apóstolo. Para a rexedora, o obxectivo é "facer de Santiago unha cidade segura e que a xente o pase ben, se divirta e celebre as Festas na mellor das circunstancias posibeis."

O concelleiro de Convivencia, Xan Duro, salientou que as Festas do Apóstolo deste ano "teñen algunhas variables que as fan particularmente complexas", xa que "temos unha convocatoria electoral o 23 de xullo que engade un plus de complicación" e ademais "vivimos nun ano na que as cifras de turismo apuntan a récords absolutos". "Todo isto vai esixir un esforzo e un máximos nivel de coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade", explicou o edil, que se amosou convencido de que "as Festas se desenvolverán sen ningún tipo de problema".

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou que as Xuntas Locais de Seguridade "son para nós unha ferramenta moi importante para actualizar eses dispositivos nos que traballamos con antelación para estas Festas" e incluír así as "novas variables que incorporar" como é o caso este ano da previsión dunha afluencia de visitantes que será "tanta ou máis que o ano pasado". María Rivas anunciou que se reforzará "a presenza na comisaría da Policía Nacional de Santiago con diferentes unidades tanto de drones como antridrones, TEDAX, UIP, guías caninos..." con fin de "ter a cidade cun nivel de seguridade que cremos que é axeitado". "Seguiremos traballando todos estes días para ir afinando ese dispositivo" en función da "realidade cambiante de aquí ao 25", engadiu.

Compartir: