EDUCACIÓN

'La visita', das autoras catalás Núria Figueras e Anna Font, gaña o XVI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

29/06/2023 As autoras catalás Núria Figueras e Anna Font son as gañadoras do XVI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado cun proxecto titulado 'La visita'. A obra 'Tarde de sapo' de Maite Mutuberria Larrayoz alzouse como finalista e 'Vent', de Gerard Sancho Novell, recibiu unha mención do xurado. Organizado polo Concello de Santiago e a editorial KALANDRAKA, este premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e conleva a publicación da obra gañadora en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués no mes de novembro.

'La visita' impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 261 proxectos procedentes de 22 países: España, Italia, Portugal, Canadá, China, Perú, Arxentina, Brasil, Rusia, Estados Unidos, Israel, México, Turquía, Ecuador, Alemaña, Irlanda, Francia, Dinamarca, Bélxica, Chipre, Colombia, Eslovenia e Chile.

O xurado estivo formado por Asun Agiriano Altuna, Catarina Sobral, Ignasi Blanch, Xosé Cobas e a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez. A alcaldesa do Concello de Santiago e, por delegación, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, actuaron como presidentas do xurado; e a técnica do Departamento de Educación, Cristina Salgado, como secretaria.

O xurado destacou que 'La visita' é un "álbum ilustrado perfectamente construído que nos achega a un concepto tan abstracto como é o silencio. Nunha sociedade como a actual, saturada de ruído, de contaminación sonora, a reivindicación de momentos de silencio e de soidade é cada vez máis necesaria".

Segundo o fallo, o texto de Núria Figueras ten unha "gran calidade literaria" e "preséntanos a visita do silencio -personificado- á casa onde vive un pequeno raposo. A narración, áxil e tenra, logra que o lector ou lectora se reencontre coa súa propia esencia".

Na valoración da obra o xurado tamén destacou o rexistro gráfico de Anna Font que "é dun cromatismo desbordante e cheo de matices" no que "o silencio móstrase cunha síntese efectiva, plena de expresividade" e no que "a ilustradora domina á perfección á arte secuencial do álbum e a construción do discurso narrativo".

O Concello de Santiago en colaboración con KALANDRAKA, publicarán a obra gañadora en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués, o vindeiro mes de novembro. A obra premiada constituirá un dos eixos na proxección exterior da citada editorial e da cidade de Santiago a través das feiras internacionais do libro.

Obra finalista e mención do xurado

Ademais, o xurado elixiu a proposta 'Tarde de sapo', da ilustradora vasca Maite Mutuberria Larrayoz, alzouse como finalista do Premio por constituír unha "proposta lúdica e chea de humor, onde o texto está perfectamente integrado na propia narrativa gráfica do álbum".

Tamén se concedeu unha mención á obra 'Vent' do catalán Gerard Sancho Novell, un "poema visual" do que salientaron a súa "estrutura compositiva plena de beleza e calidade cromática".

Premiados nas edicións anteriores

Nas quince edicións precedentes foron premiados 'Esperando el amanecer', de Fabiola Anchorena; 'Preto', de Natalia Colombo; 'Un gran soño', de Felipe Ugalde; 'A familia C', de Pep Bruno e Mariona Cabassa; 'O camiño de Olaj', de Martín León Barreto; 'Bandada', de David Álvarez e Julia Díaz; 'Mamá', de Mariana Ruiz Johnson; 'Ícaro', de Federico Delicado; 'Despois da choiva', de Miguel Cerro; 'Unha última carta', de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; 'A horta de Simón', de Rocío Alejandro; 'Cándido e os demais', de Fran Pintadera e Christian Inaraja; 'O can de Milu', de Máriann Maray; 'Desde 1880', de Pietro Gottuso; e 'Selva' de Marina Gibert.

Compartir: