CAPITAL CULTURAL

Mañá inaugúrase no Auditorio de Galicia '1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega', un ensaio expositivo inédito en Galicia

27/06/2023 O proxecto xurde arredor da investigación sobre arte urbana feminista baixo a mirada das especialistas en graffiti e muralismo contemporáneo, Amabel González Troncoso e Clara Rodríguez Cordeiro, comisarias da mostra. Un percorrido pola obra de 31 artistas galegas, algunhas das cales teñen intervido nos muros en sala, que estará aberta até o 12 de novembro.

'1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega', é un ensaio expositivo sobre arte urbana, inédito no noso País. O proxecto xurde como continuación do traballo de investigación sobre arte urbana feminista de 7H Cooperativa Cultural, baixo a mirada das especialistas en graffiti e muralismo contemporáneo, Amabel González Troncoso e Clara Rodríguez Cordeiro, comisarias da mostra, un traballo que é froito dunha inxente labor de investigación desde unha revisión feminista do movemento.

A exposición inaugúrase mañá mércores 28 de xuño, ás 20.00 horas, na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, e contará coa presenza no acto de apertura de Goretti Sanmartín, presidenta do Consello Reitor do Auditorio de Galicia e alcaldesa de Santiago; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; outros membros da Corporación municipal; as comisarias da mostra, Amabel González e Clara R. Cordeiro; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González e varias das artistas participantes. O acto é aberto ao público.

Por vez primeira na historia da arte galega celébrase a primeira exposición en España sobre a historia da arte urbana feita por mulleres galegas en formato cronolóxico, e onde por vez primeira saen á luz algunhas das artistas. Tamén por primeira vez, un espazo de arte público amosa o desleixo mostrado ata agora por esta especialidade artística na historia da arte oficial e nos espazos que a sustentan. Actualmente é moi difícil atopar unha análise teoórica do movemento que contextualice a súa contribución á historia da arte desde unha perspectiva de xénero; a publicación 'Cando elas toman os muros: feminismo e arte urbana (2022) de 7H', editada pola UDC, é punto de partida para esta exposición.

A partir da numerosa documentación achegada por artistas e coleccionistas de toda Galicia, constrúese unha persoal xenealoxía na procura de deconstruir a tan extendida idea da suposta ausencia de mulleres que pintan na rúa. Unha historia da arte paralela á institucional que reúne o traballo de diferentes xeracións de creadoras combatindo os estereotipos de xénero con feitos históricos como o que demostran que o primeiro graffiti realizado en Galicia foi obra dunha muller Seor, en 1984, data que toma como punto de partida o proxecto que se desenvolve no percorrido expositivo. Este, cun carácter subversivo e rebelde ata a actualidade, amosa o traballo tan diverso feito o longo de case 40 anos pintando os muros de Galicia. A cultura underground, bandeira da liberdade, en moitas das súas variantes, pola contra amosou unha enorme falta de igualdade entre os seus actores masculinos e femininos na súa presenza na rúa, en festivais ou concursos. Esta arte é unha forma de loita e posicionamento máis que propio.

Estas artistas desafiaron os límites sociais, cos seus diversos fundamentos, motivacións e formas de expresións. Algunhas por vez primeira atoparan a confianza necesaria para contar unha realidade que na súa contra asumiron como normal pero agora aproveitan para denunciar. Tiveron que pintar en espazos non seguros, sufrir agresións verbais ou físicas polo feito de ser muller artista na rúa. Algunhas delas, por mor de diversas dificultades non continuaron, pero moitas fixeron da súa experimentación coa arte urbana todo un medio de vida profesional incorporándose a outros sistemas creativos, como as belas artes, o deseño, a ilustración ou as artes aplicadas.

Desde entón, a evolución de estilos, formatos e disciplinas non deixou de medrar, e moitas destas artistas conseguiron converter en profesión a súa experimentación dentro dun movemento marxinal no sistema da arte -ilegal en moitas ocasións– onde as posibilidades se mesturan coas trabas e coas dificultades que supón ser muller creadora no espazo público.

A persoa espectadora reflexionará sobre os prexuízos que probablemente teña sobre a arte urbana en xeral, e feita por mulleres en particular, non por dócil empatía, senón para derribar conceptos preconcebidos de índole educacional patriarcal. A exposición '1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega' quere reforzar os referentes e motivar a creación e consolidación de redes e que, neste 2023, as crenzas de que as mulleres non pintan queden desterradas.

A mostra percorrerá as obras das seguintes artistas galegas: AËR / ALDARA THUNDERBIRD / XOANA ALMAR / TAMARA BAZ / LIDIA CAO / ABI CASTILLO / CATA UKELELE / DOA OA / DUNE / EME / EXPOSTAS / IRIA FAFIÁN / FERCHO / FESTA / FUNE / LULA GOCE / HYDRA / IRA / PORTE JEREMÍAS / KYA / LUPITA HARD / MISS 7 / NANA / ANDREA OTERO VÁZQUEZ / IRIA PROL / SAX / SELMA / SEOR / SMILE / SOURIS / SUELO /

A exposición permanecerá aberta até o 12 de novembro. A entrada é de balde e estará aberta todos os días de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h (os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h). No mes de xullo e todos os domingos a sala permanecerá pechada.

Compartir: