OBRAS

A Xunta de Goberno aprobará este martes o proxecto de execución para a reurbanización do Campus Sur

29/04/2023 Cun prazo de execución de 4 meses, o importe total ascende a 352.600 euros, centrando a actuación na Avenida da Coruña onde se pretende mellorar a conectividade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. Entre as principais actuacións, aumentar os espazos peonís, reorganización do acceso de vehículos e a reordenación das zonas verdes e espazos vexetais.

O proxecto de execución "Recuperación do Campus Sur para o cidadán" será aprobado o próximo martes en xunta de goberno ordinaria. Unha actuación que busca mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos.

Cun investimento superior aos 350 mil euros, o Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa. Tamén se reordenarán os xardíns e zonas verdes, nunha actuación que pretende impulsar este espazo para o ocio e o lecer dos veciños.

O ámbito de actuación céntrase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria", espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos. Un espazo que, situado na entrada da cidade histórica, é nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

As principais actuacións suporán a peonalización da zona central da residencia, a reordenación de usos con preferencia para percorridos peonís, reurbanización con novos materiais acordes ao especial interese patrimonial do entorno e renovación de xardíns e especies vexetais. Todo isto adaptando tamén o espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.

Así as cousas, a Avenida da Coruña muda o seu carácter, pois transfórmase en parte nunha plataforma compartida, para propiciar a continuidade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. O pavimento de formigón no primeiro tramo entre a Alameda e o estanque deixa paso a unha superficie vexetal.

No caso das beirarrúas de baldosa, manteranse con reposicións puntuais de elementos rotos e no caso do formigón da calzada, utilizarase como base de novos pavimentos de formigón lavado e das zonas vexetais, con perforacións puntuais para permitir o drenaxe.

Ademais realizarase unha renovación completa das instalacións soterradas de alumeado nas zonas nas que se renovan pavimentos.

Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA). Encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural".

Compartir: