ACCIÓN CULTURAL

Ata o 7 de maio os libros ‘viven’ na Alameda de Santiago

29/04/2023 "Vivir os libros", é o lema baixo o que este ano se celebra a Feira do Libro que desembarca en Compostela desde hoxe e ata o 7 de maio. Unha semana na que preto dun centenar de autoras e autores daranse cita no paseo central da Alameda que xa desde hoxe acolle máis dunha decena de librarías que sacan os seus libros á rúa.

Organizada pola Federación de Librarías de Galicia e coa colaboración do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña, no acto de inauguración participou tamén a Banda Municipal de Música e contou como pregoeiro co escritor, natural de Mazaricos pero residente no barrio das Galeras, Ismael Ramos, que é Premio Nacional de Poesía Joven 2022 polo seu poemario Ligero.

O alcalde destacou precisamente o "momento de creatividade absolutamente excepcional" que estamos vivindo na actualidade "con novos escritores como Ismael pero, sobre todo, cun peso importante da muller", destacou Sánchez Bugallo facendo mención ás tres últimas pregoeiras da feira: María Solar, Berta Dávila e Arantza Portabales.

Recordando unha frase do editor Henrique Alvarellos "que adoita dicir que a lectura debe ser un servizo básico, equiparable incluso á atención que lle presta a administración pública á sanidade ou á propia educación", Sánchez Bugallo destacou a importancia do ler como "elemento fundamental para a conformación da personalidade dos individuos e da propia sociedade". Tamén neste sentido, recalcou a importancia de que Compostela "sexa un centro de creación artística e literaria, de produción, xestión e de venta" para que o mundo artístico "permita ás novas xeracións que poidan atopar na súa vocación un traballo e unha oportunidade de futuro".

Ismael Ramos durante o seu reivindicativo pregón reivindicou Compostela como cidade literaria "é unha cidade inventada, imaxinaria dende as súas orixes", falando de Santiago como "o resultado dun relato contado ás escuras".

Posta en marcha da Casa das Máquinas

O alcalde adiantou ademais durante a súa intervención que este mesmo ano porase en marcha a Casa das Máquinas como centro cultural e, tamén, "lugar de encontro para os veciños e veciñas do Carme de Abaixo e de Galeras".

Compartir: