POLÍTICAS DE IGUALDADE

Primeiro encontro do proceso participativo para a elaboración dun "Protocolo de actuación fronte ás violencias sexuais en espazos de ocio nocturno"

28/04/2023 Catorce entidades asistiron hoxe á primeira reunión do proceso participativo para a elaboración dun "Protocolo de actuación fronte ás violencias sexuais en espazos de ocio nocturno" impulsado polo Concello de Santiago. Segundo explicou a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, o obxectivo é a elaboración dun documento de prevención, identificación e denuncia deste tipo de violencias, que se adapte, tanto á normativa vixente como ás peculiaridades concretas e á especificidade dos locais de hostalería e de ocio nocturno de Compostela.

Durante a reunión presentáronse as accións a desenvolver. Na primeira, preparatoria, sentaranse as bases do protocolo, valorando e delimitando o ámbito de actuación e aplicación; e definindo a metoloxía a seguir.

Na segunda, de elaboración do protocolo, está prevista a realización dun estudo de campo, con entrevistas e cuestionarios a pé de rúa e dirixidos a establecementos de ocio nocturno, así como a celebración de foros de debate. A partir de aí elaborarase un borrador do protocolo, tendo en conta o marco normativo de referencia; o circuito básico de actuación; o mapa de recursos e servizos, ou os compromisos a asumir. A continuación abrirase un período deliberativo para a validación dos contidos.

A terceira fase está marcada pola campaña de información e comunicación, co obxecto de dar a coñecer o protocolo entre as persoas usuarias dos establecementos de hostalería e de ocio nocturno; e polas estratexias preventivas, que incidirán nos aspectos clave e dinámicas nas que se producen as violencias sexuais e LGTBIfóbicas neste contexto.

Desde as asociacións de taxi e de ocio nocturno puxeron de manifesto a importancia de contar cun protocolo deste tipo, así como na necesidade de acadar un documento que se "adapte ás necesidades e identidade propia da noite de Compostela", caracterizada por locais pequenos, e distinto tipo de clientela segundo as épocas do ano (máis estudantado ao inicio e durante o curso e máis visitantes e peregrinos durante o verán).

Na reunión estaban presentes, aparte de Mercedes Rosón; a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, María Isabel Álvarez; a subdirectora do Imelga de Santiago, Noemí Morte Tamayo; así como personal do CIM (Centro de Información á Muller), do SEMUS (Servizo Municipal de Atención a Urxencias Sociais), do departamento de Festas, do grupo Vioxén, da Policía Local; da Policía Nacional, da OAVD (Oficina de Atención ás Víctimas de Delito), do Colexio de Avogados, e da OIX (Oficina de Igualdade de Xénero da USC); e representantes das asociacións Hostelería Compostela, Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, e Asociación Compostelana de Autotaxis (Radio Taxi)

Compartir: