TURISMO

Turismo de Santiago participa nunha xornada sobre conectividade aérea organizada por Turespaña e Aena

30/03/2023 A oferta de prazas na temporada de verán no Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro increméntase nun 35% con respecto do 2019, un crecemento moi superior á media do 4,4% de Aena.

Turismo de Santiago, entidade de promoción turística municipal, participou este mércores en Sevilla na segunda xornada sobre conectividade aérea que organizaron de modo conxunto Turespaña e Aena co obxectivo de analizar os retos aos que se enfrenta a industria aérea, así como poñer de relevo a importancia do traballo conxunto e do aproveitamento de sinerxias entre todos os axentes implicados no fomento da conectividade e o desenvolvemento sostible do turismo.

Dentro das diferentes conferencias e obradoiros de traballo, destacou polo seu interese para Santiago unha mesa na que sete compañías aéreas analizaron os seus procesos de creación dunha ruta e apertura de novos mercados: Air Europa, Air Nostrum, Binter, EasyJet, Ryanair, TUI e Jet2.

O Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro sumou en febreiro 194.488 pasaxeiros, cun crecemento do 42,5% respecto de febreiro do ano pasado e do 17,8% respecto de febreiro do 2019. Trátase do mes de febreiro co maior número de pasaxeiros no aeroporto de Santiago, seguindo co ritmo de crecemento que tamén se produciu en xaneiro, logo de que o ano 2022 marcase un récord histórico, superando por primeira vez os tres millóns de pasaxeiros.

En total, nos dous primeiros meses do ano, o Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro superou xa os 400.000 pasaxeiros. En concreto, chegou aos 409.104, cun crecemento acumulado do 53,1% con respecto ao mesmo periodo do 2022, e do 18,9% con respecto ao 2019. Trátase así do mellor comezo de ano do aeroporto de Santiago en número de pasaxeiros.

As perspectivas para a temporada aérea de verán, recén comenzada, son positivas xa que, segundo os datos de AENA, o aeroporto de Santiago é un dos aeroportos españois que máis aumentará a súa oferta de prazas á venda con respecto á temporada de verán do 2019, cun incremento do 35%, moi superior ao incremento medio de AENA, que é do 4,4%.

Compartir: