PLENO

O Pleno aproba a creación do Consello de Medio Rural e o seu regulamento

30/03/2023 O Pleno da Corporación, reunido en sesión ordinaria, a última do mandato, deu luz verde á creación do Consello de Medio Rural e ao seu regulamento. Este documento define as súas funcións e dótao de estrutura e regras de funcionamento co obxectivo de artellar a participación efectiva da veciñanza do rural nos asuntos municipais que lle afecten.

A concelleira de Medio Rural, Begoña Rodríguez, cualificou este Consello como "un instrumento de gran importancia para darlle voz ao noso rural", xa que "é o órgano para o control, supervisión e seguimento do Pacto polo Rural. Un Pacto polo rural, froito dunha antiga e repetida demanda veciñal; e dun esforzo colectivo e prolongado no tempo, que desde o pasado fin de semana é unha realidade".

O regulamento aprobado hoxe foi consensuado con FERUSA, a Federación de Asociacións do Rural de Santiago. É, continuou Begoña Rodríguez, "esa ferramenta que marca a estrutura e establece o funcionamento do Consello do Medio Rural, así como o procedemento de elección dos seus representantes.

Segundo o artigo 3 do Regulamento do Consello do Medio Rural, son función súas canalizar a participación comunitaria nas materias que conforman o seu ámbito de actuación e o asesoramento, e a elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

O Consello Municipal do Medio Rural estará integrado por unha presidencia, que ostentará o alcalde ou alcaldesa; unha vicepresidencia integrada por dous vicepresidentes/as, un deles a persoa titular da concellaría competente para asuntos de Medio Rural, e o outro designado polo Consello a proposta da presidencia; e os vogais: seis persoas que representen ás asociacións veciñais do ámbito rural do concello e un representante de cada un dos grupos políticos que integren a Corporación Municipal.

As sesións ordinarias terán unha periodicidade semestral. Así mesmo, o Consello celebrará sesións extraordinarias cando o decida a presidencia, por propia iniciativa ou por solicitude dun terzo dos compoñentes. A duración do mandato dos membros do Consello será de catro anos.

O punto foi aprobado aprobado cos votos a favor de todos os grupos municipais, a excecpción do concelleiro non adscrito que se abstivo.

Declaracións institucionais

O Pleno aprobou, así mesmo, dúas declaracións institucionais: unha en apoio e solidariedade coas mulleres e nenas en Afganistán e outra en apoio e recoñecemento das necesidades non cubertas das persoas con lupus en España.

Na primeira delas o Concello de Santiago de Compostela expresa a súa solidariedade "coas mulleres e nenas de Afganistán e animamos o Goberno español e a comunidade internacional a escoitar as defensoras e activistas dos dereitos humanos de Afganistán e interactuar con elas para comprender as realidades sobre o terreo e as súas recomendacións prácticas, e traballar con elas para apoiar os dereitos das mulleres en Afganistán". Tamén insta a "premer os talibáns, en cada oportunidade, a respectar os dereitos fundamentais das mulleres e as nenas, incluídos o seu dereito a acceder á educación, ao traballo, a moverse libremente, a vestirse como desexen, a buscar apoio e reparación legal despois de fuxir da violencia doméstica, permanecer libres de arrestos e detencións arbitrarias, consentir o matrimonio e a protestar pacificamente".

En canto á declaración sobre o lupus, o Concello "expresa o apoio e recoñecemento cara ás persoas con Lupus, ás súas familias e ás asociacións de pacientes que diariamente traballan para a creación dunha clara conciencia social da enfermidade, dirixindo as súas actuacións cara ao diagnóstico precoz e o tratamento desde o enfoque terapéutico e multidisciplinar, e comprométese a levar a cabo accións pertinentes e destinar os recursos necesarios para paliar a situación de especial vulnerabilidade, así como garantir, con equidade, os dereitos das persoas con lupus e as súas familias. Sendo plenamente conscientes de que para unha enfermidade crónica para a que non existe cura, como esta e moitas outras, a investigación é vital".

Outros asuntos

Nesta sesión tamén se aprobaron, por unanimidade, dous asuntos do ámbito urbanístico: a aprobación definitiva do Estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na rúa do Penedo, número 56 a 68 (Corredoira da Campsa); e a solicitude de inicio de avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual do PXOM para a fixación de aliñacións no núcleo de Codesedas.

Compartir: