XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal dá luz verde á contratación do proxecto dun novo portal web, da APP e da intranet municipais

27/03/2023 A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, día 27 de marzo, a contratación da creación dun novo portal web, dunha APP municipal e da Intranet municipal todos eles vinculados a un novo sistema de información baseado na tecnoloxía emerxente Web 4.0. Este servizo sae a licitación por 299.916,88 euros.

Preténdese segundo sinalou a concelleira de Economía, Facenda, Contratación, Persoal e Modernización da Administración Local, Marta Abal, contar con tres aplicativos distintos pero baseados no mesmo sistema de información que posibiliten achegar a administración electrónica e os servizos de Concello de Santiago á cidadanía, facilitándolles toda a información e recursos que precisen para a súa relación co propio Concello e para o desenvolvemento da súa vida diaria.

Con ese obxectivo crearase un sistema de información baseado en tecnoloxías semánticas (aquelas que permiten entender o modo en que as persoas razoan e conectan a información) e estruturas ontolóxicas (rede ou sistema de datos que definen as relacións existentes enre os conceptos dun dominio ou área do coñecmento) que se achegarán ao usuario de forma intelixente e predictiva ofrecéndolle de forma rápida e sinxela os servizos e información que demanda.
Así, este novidoso sistema permitirá á cidadanía acceder, desde os tres sistemas a implantar, a todos os contidos a ofrecer mediante buscadores intelixentes e tecnoloxías orientadas á experiencia do usuario como "cerca de min", é dicir, achegar a administración á cidadanía. Este acceso realizarase de forma personalizada e apoiado en intelixencia artificial.

Entre os contidos que se ofreceran destaca a información relativa ao transporte urbano (liñas de autobuses, frecuencias e tempos de espera), aos parkings públicos e provados (ubicación e dispoñibilidade de prazas de aparcamentos), ao tráfico en tempo real, ao sistema aeroportuario, a predición meteorolóxica, ás novas municipais, á axenda cultural (museos, conferencias, exposicións, presentacións, eventos deportivos, etc.), aos circuítos urbanos temáticos (monumental, universitario, gastronómico, nocturno, ocio, etc.), ás zonas verdes, a recursos turísticos (rueiros, mapas, folletos, historia, etc.), á compra e reserva de entradas, ao acceso e pago en liña de servizos municipais (cita previa, sede electrónica, rexistro electrónico, notificacións, etc.), á contratación e oferta de emprego público, á concienciación e participación cidadán e tamén a un amplo catálogo de servizos da cidade como farmacias, hospitais, centros de saúde, colexios, institutos, academias, restaurantes, hoteis, mercados, librarías, ximnasios, notarias, entidades financieiras, cemiterios, etc.

Dende esa perspectiva o portal web do Concello de Santiago de Compostela será o único soporte institucional que aglutine todos os espazos web do concello baixo unha mesma imaxe de marca ofrecendo todos os servizos reflectidos previamente. Será neste portal, donde os veciños eveciñas terán a posibilidade de relacionarse de forma electrónica co Concello e a súa contorna.

A aplicación móbil, que ven a cubrir un vacío existente na actualidade, estará deseñada para acadar os mesmos obxectivos que o portal web, dunha forma mais áxil e baseada na mobilidade das persoas. Ademais dos servizos reflectidos integrará a maioría das funcións que os dispositivos móbiles ofrecen a día de hoxe (pago en liña, servizos GPS, autenticación do usuario, notificacións push, etc.) e incluirá unha identificación mediante código QR con todas as funcionalidades dunha tarxeta ciudadá pero na modalidade virtual.

A intranet municipal, aproveitando os recursos tecnolóxicos empregados nas solucións anteriores, converterase principalmente nunha canle de noticias e difusión de protocolos relacionados coa Administración Electrónica para os funcionarios do Concello.

Outro aspecto fundamental das tres aplicacións é a incorporación dun módulo de alertas e emerxencias cidadáns ao estilo doutras cidades europeas e americanas. Calquera alerta será notificada mediante unha mensaxe PUSH no caso da APP Municipal e mediante banners no portal web e na intranet de forma automática. O feito de recibila de forma inmediata (mensaxes PUSH) nos terminais móbiles tense demostrado como unha ferramenta fundamental cara a cidadanía na prevención e reacción ante continxencias non previstas.

A contratación deste servizo e está financiada a través das Estratexias de Desenrolo Urbano Sostible e Integrado (EDUSI), correspondente ao Fondo Europeo de Desenrolo Rexional (FEDER), que ven a refrendar a valoración e a consideración que fai a Unión Europea dos proxectos de modernización que se están plantexando dende a Concellaría de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local.

Outros acordos
O Goberno Municipal tamén aprobu o expediente de contratación do "Servizo de teatro de barrio nos centros socioculturais do Concello de Santiago", cun orzamento base de licitación de 84.465,02 euros, divididos en dúas anualidades. Este servizo ten por obxecto a dinamizción dos clubs de teatro, ou otras actividades similares que se poidan solicitar.

Por outra banda, adxudicouse, no marco da EDUSI, o "Servizo para desenvolver actividades de comunicación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela financiadas polo eixo 13 do Programa Operativo Plurirrexional de España do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea"; á empresa Strategy and Analytics Estancia C3", por unha contía de 100.000 euros, IVE engadido.

Documentos relacionados



Compartir: