DEPORTES

Nova convocatoria do Concurso de Fotografía Deportiva

30/04/2007 A Concellería de Deportes convoca o XI Concurso de Fotografía Deportiva. O Goberno local aprobou o orzamento da actividade, 3.400 euros, dos que 2.050 se destinarán a premios, así como as bases do concurso.

As fotografías deberán entregarse nas oficinas da Concellería no Estadio Municipal de San Lázaro, porta principal, antes das 14:00 horas do día 6 de xuño. Tamén se poden enviar por correo certificado.

Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías, cun tamaño de 20 x 25 centímetros, montadas sobre unha superficie ríxida cunha marxe en cada uno dos seus lados de ata cinco centímetros. Deben ir acompañadas dos negativos ou diapositivas no caso das fotos analóxicas, ou dos arquivos dixitais en formato JPEG no caso das dixitais.

Os temas sobre os que deben tratar as fotografías serán deportivos e relacionados con calquera faceta ou práctica deportiva, non necesariamente competitiva. Quedan excluídas as de carácter lúdico ou recreativo que, a xuízo do xurado, non encaixen na cualificación de "deportivo".

Outorgarase un primeiro premio de 950 euros, un segundo de 700 e un terceiro de 400 euros, acompañados todos do seu correspondente diploma.

Compartir: