SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello vala a rúa de Vedra ante o perigo de caída do muro que linda coa estación de autobuses

28/02/2023 Logo de detectar unha fenda no muro, pechouse o acceso á rúa e iniciáronse dilixencias instando á dirección da obra da Intermodal para que acometeran unha serie de actuacións de maneira inmediata que permitan reabrir o tráfico con seguridade.

Unha fenda no muro de peche e contención no límite da parcela de Adif coa rúa de Vedra obrigou a pechar o tráfico por risco de desprendemento. Entre os posibles factores que contribuíron ao deterioro do mesmo, está a obra da estación intermodal, xa que o paso de camións cargados pola cota máis elevada da terra contida polo muro, e a provisión de material que tamén se está a realizar no interior da parcela, puido incrementar a súa carga.

Logo dunha inspección na que se detectou unha fenda, desde o departamento de Disciplina Urbanística instouse a impedir o paso pola rúa no ancho que equivalería á altura do muro se caera, aínda que deixando un paso peonil para a xente que alí vive e que ten, como única vía de acceso ás súas vivendas, ese vial.

Paralelamente, ao pertencer o muro a Adif, comunicáronselle unhas medidas urxentes e outras a curto-medio prazo a acometer na zona e tamén, esta mesma mañá, urxiuse á dirección da obra da intermodal a executar unhas medidas provisionais que permitan reabrir o tráfico, en condicións de seguridade, no menor prazo de tempo posible.

Compartir: