MEDIO AMBIENTE

Mañá arranca o sistema de recollida ‘porta a porta’ para os locais de hostalaría da cidade histórica

28/02/2023 Despois de case dous meses repartindo os colectores das diferentes franxas aos locais de hostalaría, iníciase a recollida ‘porta a porta’, pola que todos os establecementos da cidade histórica contarán cun horario para deixar os contedores á porta dos negocios, que lle serán recollidos alí mesmo.

O mes de marzo comeza coa posta en marcha do novidoso sistema de recollida ‘porta a porta’ para mellorar o tratamento de residuos na améndoa, e tamén o servizo aos establecementos, semanas despois de comezar a funcionar o sistema de illas de ‘quita e pon’.

"É un horario que foi negociado e dialogado coas asociacións de hostalaría e, sobre todo, que se trata dunha proposta inicial" explica a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, que insiste en que este horario de partida "non ten por que ser o definitivo": "arrancamos agora e, despois dos primeiros días de funcionamento, volveremos reunirnos e axustaremos o servizo de acordo ás primeiras experiencias, trátase, como teño dito, de ensaio e error".

Así, o sistema conta con dous horarios de partida: un de inverno e outro de verán. No que arranca, o de inverno, o reparto sería o seguinte:

• Recollida de residuos orgánicos e fracción resto: comeza a partir das 23:30 horas, de luns a venres. Fins de semana: comeza a partir das 24:00 horas.

• Recollida de papel e cartón: comeza a partir das 20:30 horas.

• Recollida de envases lixeiros: comeza a partir das 20:00 horas.

• Recollida de vidro: non sufre variacións con respecto ao sistema actual.

En verán, o cambio fundamental sería nos residuos orgánicos, retrasándose media hora o inicio do horario de recollida e, en todo caso, "todas as franxas varían en función da experiencia inicial", recalcou Castro.

Mila Castro quixo ademais agradecer e recoñecer "a colaboración e o esforzo de todos os hosteleiros na posta en marcha destas medidas que, poden provocar algún cambio nas rutinas de traballo, pero implican unha mellora significativa no tratamento dos residuos".

Compartir: