PLENO

O Pleno aproba o estudo de detalle para mellorar a accesibilidade ás vivendas colectivas da praza de Ultreia e unha declaración institucional para solicitar máis xulgados en Santiago

28/02/2023 O Pleno ordinario do Concello de Santiago, aprobou hoxe por unanimidade o "Estudo de detalle para a definición urbanística da dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na praza de Ultreia" e dúas declaracións institucionais. A primeira, recoñecendo o labor de servizo público da Polícia Local no seu 175 aniversario; e a segunda, demandando novos órganos xurisdicionais para a capital de Galicia.

O "Estudo de detalle para a definición urbanística da dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na praza de Ultreia" saiu adiante co apoio de todos os grupos, na sesión plenaria desta mañá. Trátase dun documento que recolle as distintas actuacións que se levarán a cabo nas vivendas públicas construídas nos anos 60 do século pasado no barrio de Ultreia, co fin de mellorar a súas condicións de accesibilidade.

As actuacións afectan a tres grupos de construcións: as vivendas subvencionadas do padroado da Garda Civil, proxectadas polo arquitecto Eduardo Baselga Neyra no 1969; as promovidas pola Entidade Construtora Benéfica Nosa Señora de Fátima dos arquitectos Baltar e Bartolomé, tamén do ano 1969; e o conxunto de vivendas da Cooperativa Ultreia, un proxecto dos mesmos arquitectos realizado no 1970. O obxectivo é mellorar a accesibilidade destes edificacións de vivenda colectiva, instalando ascensores no espazo exterior, xa que non é posible a súa incorporación no interior dos edificios.

Este estudo de detalle, froito do diálogo coa veciñanza e aprobado inicialmente en agosto do 2021, define os espazos de ocupación exterior destes ascensores, e habilita para a ocupación de espazos de titularidade pública, cando resulta necesario. Tamén define as condicións estéticas que haberán de seguirse na súa execución. E a maiores, aborda as condicións urbanísticas que haberán de seguir as actuacións no espazo público, que inclúen a definición de rasantes e aliñacións para garantir percorridos accesibles; tanto dentro do ámbito como nos itinerarios principais que o conectan co resto da cidade.

Declaracións institucionais

A Corporación municipal tamén acordou a aprobación dunha declaración institucional na que se demanda a creación de novos órganos xuridiscionais na cidade, xa que "a correcta Administración de Xustiza é un dos piares esenciais dun Estado de Dereito", e require dunha "dotación suficiente de órganos xurisdicionais que poidan afrontar con garantías de calidade e coa celeridade mínima esixible a resolución xudicial dos conflitos que a cidadanía formule en exercicio do seu dereito constitucional a unha tutela xudicial efectiva".

No documento alúdese á insuficiente dotación de órganos xudiciais que Santiago de Compostela "vén padecendo históricamente", especialmente "dado o volume de servizos que a cidade presta e debe atender". En concreto, pídese a creación dun xulgado específico de violencia contra a muller, un terceiro xulgado do contencioso-administrativo, un xulgado de familia, e a posta en marcha dunha segunda Sección da Audiencia Provincial.

A outra declaración institucional, tamén respaldada por todos o grupos, pretende recoñecer "o extraordinario labor levado a cabo pola Policía Local de Santiago ao longo destes últimos 175 anos". O documento destaca o labor dos e das axentes na "defensa das liberdades democráticas, e co deber público, ao servizo dos composteláns e compostelás, e dos centos de miles de persoas que visitan a cidade cada ano".

A creación do que hoxe se coñece como Policía Local tivo lugar no 1848 como resposta aos moitos roubos que se estaban a suceder na cidade. Ao longo dos séculos XX e XXI, o corpo foi incrementando o número de efectivos e departamentos, así como o seu campo de actuación. Na actualidade, 141 efectivos forman a Policía Local que conta cunha xefatura, a unidade operativa con tres seccións (territorial, central e de servizos especiais), unidade de réximen interior e a unidade de coordinación.

Suplementos de crédito

O Pleno municipal tamén deu luz verde cos votos a favor do Grupo Socialista e o BNG e abstención dos demais grupos, de dous suplementos de crédito por un importe total de 525.175,86 euros, para facer fronte á achega municipal correspondente ao ano 2023 da Plataforma Loxística de distribución de mercadorías na cidade histórica; e os proxectos de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite.

Ambos proxectos fináncianse mediante Fondos Next Generation da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
O importe total do proxecto da Plataforma Loxística de distribución de mercadorías no Casco Histórico é de 5.262.048 euros, correspondendo 3.913.920,00 á Subvención da UE (a través do Plan de RTR) e 1.348.128,00 euros á achega municipal. Pola súa banda o importe total do proxecto Rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel e do pavillón polideportivo de Vite ascende a 4.301.180,12 euros correspondendo 3.319.426,96 á subvención da UE e 981.753,16 euros á achega municipal.

Outros temas

Tamén se aprobaron por unanimidade dúas mocións sobre igualdade, relacionadas co 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, que se debateron conxuntamente. A primeira, unha proposición do BNG para adoptar medidas para loitar contra a probreza feminina e reducir a precariedade laboral, así como fomentar a conciliación; e unha segunda proposta polo PP con motivo do 8M.

Tamén se contou co respaldo de todos os grupos, a proposición para buscar espazos alternativos para adestrar mentres duren as obras do complexo deportivo de Santa Isabel. As obras, que aínda están pendentes da licitación da redacción e dirección facultativa do proxecto, levaranse a cabo o vindeiro ano.

Compartir: