COMERCIO

Infinita Viajes faise co primeiro premio do concurso de escaparatismo de Nadal

28/01/2023 O concurso de escaparatismo de Nadal xa ten gañadores, logo da xuntanza do xurado o pasado día 20. Nesta iniciativa, que se recuperou despois de varios anos sen celebrarse, repartiranse un total de 6.950 euros entre os seis comercios cos mellores escapartes de Nadal. En total, presentáronse 34 propostas.

O xurado considerou que o escaparate elaborado por Infinita Viajes era merecente do primeiro premio, agraciado con 2.000 euros; o segundo lugar foi para a floristería Embora, á que lle corresponden 1.500 euros; a terceira clasificada foi outra floristería, neste caso a tenda Lilas situada en República Arxentina, que obtén 1.200 euros; 1.000 euros percibirá a tenda Pilgrim Bag, cuarta clasificada; outro establececemento de Lilas, o do Castiñeiriño, clasificouse en quinto lugar, co que recibe o correspondente premio de 750 euros; e en sexto posto quedou a tenda de decoración Nobel 20, que percibe 500 euros.

Os membros do xurado, presidido pola concelleira Mila Castro, por delegación do alcalde, e conformado por representantes das asociacións comerciais Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Punto Compostela, da Unión de Consumidores de Galicia, por unha experta en interiorismo e decoración e pola técnica de comercio, valoraron as propostas presentadas polos establecementos en función da súa capacidade de atracción, orixinalidade e composición, o emprego dos propios produtos e da súa sustentabilidade.

I Concurso de Decoración de Nadal Vecinal
Os veciños e veciñas que decoraron as fachadas, balcóns e xardíns das súas vivendas tamén puideron presentar as propostas ao I Concurso de decoración de nadal veciñal, cuxo resultado se fará público en vindeiras datas.

As persoas agraciadas nos dous concursos (o de escaparatismo e o de vivendas) recibirán un recoñecemento nun acto público conxunto.

Compartir: