PECHE DA PORTA SANTA

O peche da Porta Santa pon fin ao primeiro dobre Ano Santo da historia

31/12/2022 O arcebispo compostelán, Julián Barrio, pechou simbólicamente a Porta Santa, dando así por terminado os Anos Santos 2021 e 2022, marcados pola pandemia do COVID e a posterior recuperación coa chegada a Compostela de milleiros de visitantes e peregrinos ao longo deste ano.

Na súa felicitación de Aninovo, o alcalde cualificou este 2022 como o "Ano Santo da recuperación", que vén confirmado por "unhas cifras excepcionais e históricas que superan todas as expectivas" con máis de 3 millóns de chegadas de pasaxeiros a través do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago e tamén superando "os 3 millóns a través do transporte ferroviario". O alcalde felicitouse ademais do bo comportamento do mercado laboral neste 2022 cuns datos de emprego "que son os mellores desde o 2004", consecuencia da reactivación do sector comercial e hostaleiro da cidade.

O propio alcalde e boa parte da Corporación Municipal asistiron esta tarde á cerimonia do peche da Porta Santa, na que actuou como delegado rexio o presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela.

Composteláns e visitantes presenciaron dende a praza da Quintana os actos de clausura da Porta Santa. Julián Barrio uniu lentamente as súas dúas follas e pechounas con chave. Así, permanecerá a Porta ata o 31 de decembro de 2026, no umbral do seguinte Ano Santo.

Tras este simbólico acto, o Nuncio Apostólico en España, Bernardito Cleopas Auza, leu unha mensaxe do Papa Francisco na que explicou que "se cando se abriu a porta Santa o lema foi 'Sae da túa terra', agora, ao pechala, quixera que nos centremos noutra das expresións que nos convocou durante teste tempo: Santiago espérate". Unha frase que, segundo leu o Nuncio, consiste en "deixar de facer este exercicio cotiá que consiste en salir do eu para contruir o nós" e poñer "a mirada especialmente na meta" como fan "os peregrinos que se dirixen a Santiago e aproveitan cada etapa do camiño para reflexionar e buscar o sentido da propia existencia". Cleopas Auza engadiu a demanda do Papa de que "non deixemos de ir sobre todo ás periferias existencias, ao encontro dos máis pequenos e esquecidos da sociedade, onde atoparemos ao Señor no rostro dos pobres, os migrantes, os enfermos, os presos e neses irmáns e irmás máis vulnerables".

Logo disto, xa por Praterías, toda a comitiva dirixiuse ao interior da Catedral para continuar coa cerimonia relixiosa, na que o arcebispo compostelán leu a súa homilía. Julián Barrio, quen tivo un recordo para o Papa Benedicto XVI que acaba de falecer, subliñou que o Ano Santo Compostelán ao longo da historia foi conformando moitos dos aspectos da cultura, contribuíndo a ampliar a visión moral e suscitando cuestións de interese existencial que van máis aló das formulacións éticas, sen ocultar medos e insatisfaccións". Tamén tivo palabras para os os numerosos peregrinos que chegaron á Compostela " a pesar das consecuencias da pandemia e das guerras en Ucraína e outros lugares do mundo".

Na última parte da homilía agradeceu ao Papa Franciso a súa mensaxe, así como aos sacerdotes, relixiosos, perosal da catedral, voluntariado, persoal de seguridade membros e das Forzas e Corpos de Seguridade, medios de comunicación, e persoal sanitario "que contribuiron xenerosa e dispoñiblemente á organización e bo funcionamento da programación pastoral." Tamén agradeceu ás administracións, entre elas o Concello de Santiago, "a boa acollida dos peregrinos. Para finalizar, pediu ao Apóstolo que interceda pola "santa Cidade de Compostela", polos fieis, e "pola fortaleza" das persoas que veñen. "que o Señor vos dea a súa Paz", para rematar desexándolle a todos e todas, un feliz Ano Novo.

A cerimonia rematou coa aperta de Monseñor Julián Barrio ao Apóstolo Santiago, unha aperta que non seu puido levar a cabo nos dous últimos anos por mor da pandemia.

Do mesmo xeito que na Ofrenda de Translación, os actos comezaron ás 16:00 horas coa chegada do delegado rexio á praza do Obradoiro para pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades. No acto de peche da Porta Santa, ademais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, participaron o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Á. Santalices Vieira, o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, e o xeneral xefe do Mando de Apoio á Maniobra, Juan Francisco Arrazola Martínez.

Ano Santo

O Ano Santo ou Ano Xubilar Compostelán é un tempo no que a Igrexa concede singulares grazas espirituais aos fieis. É Ano Santo compostelán cando o 25 de xullo coincide en domingo. Ten a súa orixe en 1122, co Papa Calixto II, confirmado posteriormente polo Papa Alejandro III na Bula "Regis aeterni" de 1179, conferíndolle perpetuidade.

A causa das consecuencias da pandemia do COVID-19, o Vaticano decidiu excepcionalmente prolongar o Ano Santo 2021 ao longo do ano 2022.

Porta Santa

É o acceso á Catedral desde a praza da Quintana. A súa apertura marca o inicio dos anos santos composteláns, e realízase no marco dunha celebración litúrxica na tarde do 31 de decembro que precede a cada Xubileu.

Esta porta sitúase na cabeceira da Catedral, entre as capelas do Salvador e de San Pedro, e permite o acceso directo á xirola e ao espazo sacro da capela maior, facilitando a visita tanto á cripta apostólica como ao camarín do Abrazo ao Apóstolo.

A Porta Santa que hoxe coñecemos data previsiblemente dos tempos do arcebispo Alonso Fonseca III, a comezos do século XVI. Para algúns estudiosos, a súa orixe remóntase ao século XII, vinculada a un acceso que facilitaba o paso aos monxes benedictinos de San Paio. Para outros, sería aberta no século XVI, incorporando o simbolismo da Porta Santa de Roma, cuxo ritual fora introducido polo Papa Alejandro VI en 1500.

No século XVII engadiuse o exterior barroco, obra de Jácome Fernández e González de Araújo, completándoa Pena de Toro e Domingo de Andrade. Decorouse no seu exterior con 24 esculturas procedentes do desaparecido coro pétreo do Mestre Mateo, e en 1694 culminouse con tres esculturas de Pedro do Campo: Santiago, como peregrino no centro, e os seus discípulos Atanasio e Teodoro.

En 2003 instaláronse as actuais follas da Porta, doada por empresarios e comerciantes da cidade. Trátase dunha obra do escultor compostelán Suso León. Realizada en bronce, os seus ferros inclúen relevos alusivos á vida do Apóstolo Santiago e á historia das peregrinacións.

Compartir: