PLENO

O Pleno dá luz verde, de xeito provisional, á modificación do PXOM sobre a regulación de usos

30/11/2022 Na sesión ordinaria de novembro celebrada esta mañá, o Pleno aprobou de forma provisional a modificación puntual do título III do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), cuxo obxectivo é preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación dos usos e actividades complementarias, entre elas as vivendas de uso turístico ou VUT. Tamén se aprobou a modificación do cadro de persoal do ano 2022 para levar a cabo o proceso de estabilización, pola que se crean 17 prazas novas no Concello de Santiago.

O Pleno do Concello, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, deu luz verde á aprobación provisional da modificación puntual do título III do PXOM, de regulación de usos, entre elas as vivendas de uso turístico ou VUT. A proposta contou co respaldo do Grupo Municipal Socialista e de Compostela Aberta, O BNG e o concelleiro non adscrito abstivéronse; e o Grupo Popular votou en contra.

Segundo indicou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, "a finalidade desta modificación puntual do PXOM é preservar a función residencial da cidade, ao mesmo tempo que se favorece a diversidade de usos complementarios do urbano". Con esta modificación tamén se pretende dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da vixencia do PXOM.

Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos para establecer un réxime de compatibilidade de usos máis flexible; a identificación das denominadas zonas sensibles da cidade, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prevalencia do uso residencial, especialmente para as familias e para o estudantado da USC, e unha axeitada proporción de usos complementarios.

Respecto das vivendas de uso turístico, distínguense dous supostos. O primeiro, a súa implantación como actividade económica, que só se autoriza na planta inferior das que se permita o uso residencial (planta baixa ou primeiro andar, segundo cada ordenanza), cunha condición adicional de altura mínima nas zonas sensibles. O segundo, como uso asimilado ao residencial, que permite outras posicións, pero que debe estar sempre vinculado a un uso habitual da vivenda, e que se regula cunha ordenanza complementaria específica.

Segunda exposición pública

O pasado 12 de setembro, o Pleno municipal acordou abrir un novo trámite de exposición pública da modificación do título III, tras unha primeira aprobación inicial en marzo de 2021. Esta segundo exposición pública tiña como obxectivo que as persoas interesadas puideran coñecer os cambios propostos sobre o documento inicialmente aprobado no 2021 e formulasen alegacións ao respecto. En total recibíronse 540 alegacións, 530 delas de idéntico contido, e unha que se presentou fóra de prazo.

A maior parte das alegacións aluden a cuestións que xa avaliadas nos anteriores trámites, aínda que tamén se rexistraron asuntos novos como propostas de limitación de tipos de establecementos comerciais; ou a consideración das VUT como uso asimilado, con condicións mais restrictivas.

Ampliación do cadro de persoal

Na sesión desta mañá, a Corporación municipal tamén aprobou a modificación do cadro de persoal do ano 2022 co obxecto de levar a cabo o proceso de estabilización, coa que se crearán 17 prazas novas no Concello de Santiago.

Unha vez entre en vigor a modificación do cadro, convocaranse os procesos selectivos para a estabilización das 93 prazas, con fin de garantir a estabilidade no emprego e reducir a temporalidade e contribuír así á mellora da calidade dos servizos públicos prestados.

O incremento de 17 prazas no cadro do persoal por riba da taxa de reposición prodúcese ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para redución da temporalidade no emprego público. Trátase dun proceso extraordinario que permite estabilizar aqueles empregos temporais de longa duración que responden ás necesidades de carácter estrutural. O obxectivo é situar a taxa de temporalidade estrutural por debaixo do 8% no conxunto das administracións públicas españolas.

Este aumento foi posible grazas ao traballo conxunto entre a área de Recursos Humanos do Concello de Santiago e os sindicatos que deu lugar á sinatura dun acordo entre as dúas partes o pasado 25 de maio.

Na Mesa Xeral de Negociación do pasado 9 de novembro foron aprobadas as bases específicas que rexerán o proceso selectivo extraordinario de estabilización por quenda libre, tanto polo sistema de concurso como polo sistema de concurso-oposición.

Compartir: