TURISMO

Os congresos e o turismo internacional prolongan a tempada alta durante o mes de outubro

25/11/2022 No mes de outubro deste ano houbo máis pernoctacións na cidade que nos meses de xullo anteriores á pandemia, convertíndose nun mes máis de tempada alta.

Os máis de dez congresos e eventos que se celebraron en Santiago no mes de outubro e o importante volumen de turismo internacional que chegou a Compostela fixeron posible que os establecementos hoteleiros da cidade sumasen 166.915 pernoctacións, segundo os datos do INE, cun crecemento do 20,54% respecto do mesmo mes do ano pasado.

Con estas cifras, Santiago continúa evolucionando cara a desestacionalización do modelo turístico da cidade, apoiándose en dous segmentos, o turismo de congresos e o turismo internacional, ambos de alto valor engadido. Cabe apuntar que as 166.915 pernoctacións deste mes de outubro superan non só os datos dos meses de outubro precedentes, senón tamén os datos dos meses de xullo dos anos pasados.

No mes de outubro a cidade acolleu trece congresos e eventos importantes que contaron cun elevado número de asistentes, entre os que se poden destacar o XIII Congreso Nacional de Hostelería Hospitalaria, o XII Congreso Estatal de Escuelas Oficiales de Idiomas, o XII Congreso de la Asociación Española de Climatología ou o 6th International GEIVEX symposium, organizado polo Grupo Español de Investigación e Innovación en vesículas extracelulares.

Pola súa banda, o turismo internacional superou de novo ao turismo doméstico en número de pernoctacións no mes de outubro, con 87.014 pernoctacións fronte a 79.901, como xa sucedera nos meses de maio, xuño e setembro deste ano, confirmando a reactivación plena do turismo foráneo unha vez que se levantaron as restricións ás viaxes internacionais provocadas polo Covid-19.

Cos datos de outubro, Santiago continúa na liña de superar o máximo histórico de pernoctacións que se conseguira no 2019, con 1.464.624. De seguir a tendencia actual no último par de meses do ano, os establecementos hoteleiros da cidade rondarán por primeira vez o millón e medio de pernoctacións.

A modo de comparación, cabe apuntar que Santiago sumou en outubro máis pernoctacións que A Coruña e Vigo xuntas. Santiago tivo 166.915, mentras que A Coruña tivo 81.804 e Vigo 78.090, con 159.894 entre ambas. Ademais, a tarifa media dos hoteis tamén foi superior en Santiago, segundo os datos do INE. A tarifa media en Santiago foi de 86,05 euros, en A Coruña 65,30, e en Vigo 74,91.

Compartir: