EMPREGO E MEDIO AMBIENTE

A Alameda de Santiago conta dende hoxe con cinco olmos resistentes ao fungo da grafiose

24/11/2022 A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, participou esta mañá nunha plantación especial que se levou a cabo na Alameda compostelá: cinco ulmeiros que, grazas ao traballo de investigación do catedrático Luís Gil, ponente no Foro Talentia que se celebrará esta tarde, son resistentes ao fungo que provoca grafiose, unha patoloxía que case levou esta especie á desaparición.

Dende hoxe o parque da Alameda conta con cinco xenotipos de olmos resistentes ao fungo que provoca a enfermidade da grafiose, unha patoloxía que levou a esta especie case á extinción. Con este evento, o Concello de Santiago súmase aos esforzos do programa español de recuperación do olmo común (Ulmus minor), que se leva a cabo por toda España para recuperar unha especie practicamente desaparecida.

Ao acto asistiu o catedrático madrileño Luís Gil Sánchez, biólogo e doutor enxeñeiro de montes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Montes (ETSI) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Historiador pioneiro da flora forestal Ibérica, recoñecido co Premio 2014 de Cooperación Internacional por mellorar o eucalipto como instrumento para a redución da pobreza en Terras Altas de Etiopía, e o Premio de Investigación 2016 da UPM en recoñecemento á súa dilatada traxectoria investigadora, docente e profesional no ámbito da xenética forestal durante a que conseguiu clonar olmos resistentes á grafiose, participará esta tarde na clausura do Foro Talentia (ás 18.00 h no edificio Domingo Fontán da Cidade da Cultura). Ademais, é membro da Real Academia de Enxeñaría (RAI) desde marzo de 2022.

As árbores son unha doazón da Fundación Conde del Valle de Salazar, cuxo padroado depende da ETSI da Universidade Politécnica de Madrid (UPM). A grafiose agresiva provocada polo fungo Ophiostoma novo-ulmi, afectou os olmos de toda España desde os anos setenta e acabou con preto de seis millóns de exemplares, o que provocou unha mudanza da paisaxe de moitas zonas rurais ibéricas. En Galicia esta especie é coñecida tamén como umeiro, ulmeiro ou lameiro e quedan exemplares illados de montaña (Ulmus glabra) nas fragas do Eume e noutros bosques de ribeira en Lugo e Ourense.

Compartir: