Santiago apoiará a candidatura galega para acoller a Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial "porque a unión dos activos de ambas cidades fará que realmente A Coruña compita"

31/10/2022 Tras unha nova reunión cos grupos políticos e axentes económicos e sociais da cidade, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, fixo pública a decisión "unánime" porque "como capital de Galicia temos a obriga de apoiar a candidatura de Galicia" e aínda que "discrepamos nos criterios que se empregaron para tomar esa decisión, nós non imos a debilitala, imos a colaborar con ela".

A decisión foi tomada logo dunha reunión na que participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte; os voceiros dos grupos da Corporación Municipal, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e representantes da Cámara de Comercio, o Club Financeiro, o Foro Cívico e da Asociación empresarial do Tambre. Todos acordaron que logo da decisión que tomou o Nodo de Intelixencia Artificial de apoiar a candidatura da Coruña, e aínda "discrepando nos criterios que se empregaron" para tomar a decisión "diferentes aos que establece o decreto do Ministerio" o papel da capital de Galicia é apoiar á candidatura galega.

O alcalde tende a man ademais á cidade herculina cos activos da cidade de Santiago de Compostela para armar unha candidatura "deixando fóra localismos" e para "facilitar e facer posible que A Coruña compita realmente". Sánchez Bugallo insiste en que "A Coruña poderá contar coas aportacións da nosa Universidade, do noso aeroporto e das instalacións e servizos que teñen a súa sede en Santiago" referíndose ao CESGA e á AMTEGA, pois "non tería sentido gañar en Galicia para perder a carreira en España".

Compartir: