ACCIÓN CULTURAL

O poeta sirio Adonis participará este venres na inauguración dunha inscrición na súa honra no Xardín das Pedras que Falan

31/10/2022 Este venres 4 de novembro pola mañá, o Concello inaugurará dúas inscricións no Xardín das Pedras que Falan, anexo á Fonseca, debidas ao poeta galego José Ángel Valente e ao poeta sirio Adonis. O acto contará coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o poeta Claudio Rodríguez Fer, en condición de director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, e o propio poeta Adonis que se desprazará expresamente dende París, onde vive exiliado, para a ocasión.

Ademais, na tarde do venres, o poeta sirio e reiterado candidato ao Premio Nobel de Literatura participará nun recital dedicado á súa obra no Salón Nobre de Fonseca. No evento intervirán, entre outras autoridades, a ensaísta, doutora en Literatura Francesa e catedrática de Francés, María Lopo, quen fará de intérprete do escritor, e o poeta Claudio Rodríguez Fer, quen presentará a Adonis e lerá a tradución dos seus poemas.

Adonis

Adonis é un dos principais poetas en árabe na actualidade, polo que foi reiteradamente proposto para o Premio Nobel de Literatura. Naceu e formouse en Siria, pero viviu moito tempo no Líbano, ata que finalmente se exiliou en París. Alí exerceu como delegado da Liga Árabe na UNESCO e como profesor de literatura árabe na Sorbona, pero tamén exerceu a docencia como profesor e investigador visitante en Xenebra, Princeton e Berlín. En 2012, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, coincidindo co mesmo nomeamento do escritor galego Claudio Rodríguez Fer, con que mantén amizade e colaboración literaria dende entón.

Moi novo adoptou o seu pseudónimo pagán, Adonis, nome do vello mito de orixe sumeria, babilonia e fenicia adoptado polos gregos que o liberou das ataduras relixiosas do seu nome familiar. Segundo Claudio Rodríguez Fer, "Adonis modernizou a poesía árabe e mundial cun experimentalismo aberto que combina o verso libre co poema en prosa, a composición brevísima co poema torrencialmente extenso, a estrutura dramática con diálogos imposibles, por exemplo con Lincoln ou con Whitman. Ademais, Adonis achegouse deliberadamente á poesía máis visionaria de Federico García Lorca, con cuxo Poeta en Nueva York dialogou na obra expresionista Epitafio para Nova York, moi crítica co capitalismo salvaxe e co imperialismo norteamericano".

Está previsto que coincidindo con 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, se inauguren outras tres pedras, con versos das poetas Olga Novo, Laura Pugno, e Moon Chung Hee.

Compartir: