O Concello acometerá unha rexeneración integral do campo de fútbol de Figueiras

29/10/2022 Cun orzamento que supera os 4.000 euros, a concellaría de Deportes en colaboración coa de Medio Rural acometerán unha obra para a posta a punto do campo para os rapaces do RCF Figueiras que alí adestran e que contempla a sega, a nivelación do terreo mediante recebo con mestura de substrato e area nas zonas desniveladas, así como a substitución do equipamento deportivo. Un "profundo lavado de cara necesario para unha instalación deportiva que empregan os rapaces das nosas parroquias" explica a concelleira de Deportes.

Esther Pedrosa explica que a intervención, a pesar de ser rápida, requirirá que escampen as chuvias dos últimos días e seque o terreo porque o que se vai a facer é resementar o campo. "Trátase dunha inversión que contribúe á mellora dos equipamentos deportivos da cidade, como vimos facendo desde o inicio do mandato, e como seguiremos facendo nos próximos meses con proxectos que actualmente están optando a fondos europeos".

Concretamente, os traballos de rexeneración deste campo de fútbol de herba de 2.270 metros cadrados de superficie contempla a sega baixa do terreo con retirada de restos, o seu escarificado, nivelación de zonas bacheadas e moi desniveladas, a sementa completa de toda a superficie con mestura de raygrasses deportivos e o cambio das porterías e redes, así como o pintado das liñas de xogo.

Compartir: