TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade en Brasil e Arxentina

30/09/2022 Turismo de Santiago continúa promocionando a cidade en destinos de longa distancia neste mes de setembro, na procura dun turista de calidade, con alto gasto medio, de cara xa ao ano 2023.

Despois de participar a comezos de mes na feira de turismo de luxo ILTM Asia Pacific e a mediados de mes na Jata de Tokio, a feira máis importante do mercado xaponés, nestes días está participando nunhas xornadas específicas de promoción para os mercados de Brasil e Arxentina.

As Spain Tourism Summit 2022 son unhas xornadas de promoción organizadas por Turespaña que se celebran en Sao Paulo, o 26 e 27 de setembro, e Bos Aires, 29 e 30 deste mes. Nestes eventos participan 118 axencias de viaxes e turoperadores, principalmente de Brasil e Arxentina, pero tamén hai de Bolivia, Chile, Colombia, Ecuador, Perú, Paraguai e Uruguai.

Todas as empresas participantes representan un perfil de turista especialmente cualificado dende a perspectiva do gasto medio, ademais de buscar un producto diverso, especialmente de tipo cultural, enogastronómico, urbán e de compras. Trátase así dun perfil de turista de calidade que contribúe á rendabilidade e sostibilidade dos destinos.

Pola parte da oferta, participan dez destinos españois, con Santiago de Compostela entre eles, e 15 empresas turísticas do país. Nestas xornadas, Turismo de Santiago estase reunindo cos principais axentes e turoperadores de América do Sur interesados en Santiago, e tamén está participando en workshops e accións de networking. Ademais, está aparecendo en reportaxes de medios brasileiros como Panrotas, a principal revista sobre Turismo do país.

Estas xornadas son as primeiras que organiza Turespaña en América do Sur dende o comezo da pandemia, polo que dende Turismo de Santiago se consideran unha oportunidade para consolidar o posicionamento da cidade nos dous grandes mercados emisores de América do Sur, Brasil e Arxentina, cos que Galicia ten multitude de vínculos.

Compartir: