ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música arranca unha nova tempada baixo o título "SonArte"

29/09/2022 SonArte é o título da nova tempada de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que se desenvolverán principalmente no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, e que coincidirá co 175 aniversario da súa fundación que se conmemora en 2023. En total, a BMSC ofrecerá ata o próximo maio un ciclo de 27 concertos nas que a música se relacionará con outras disciplinas artísticas e que arrancará este domingo ás 12:30 no Auditorio de galicia co programa "De Capo".

Desde este domingo e ata maio do vindeiro ano, a BMSC ofrece unha programación que busca a conexión e a inspiración nas outras artes, dedicando cada mes da tempada a unha disciplina diferente: outubro á música, novembro ao cine, decembro á arquitectura, xaneiro ao teatro, febreiro á danza, marzo á pintura, abril á literatura, e maio á escultura.

O vindeiro domingo 2 de outubro inaugúrase o primeiro ciclo desta programación, cun concerto que responde ao título de "Da Capo", que é o termo musical que dispón a comezar unha partitura dende o principio. "Da Capo" é a expresión mellor traída para definir o inicio da temporada de concertos. Baixo a influencia do concepto filosófico de "Ápeiron" -a orixe de todas as cousas, o infinito-, o programa propón unha viaxe no tempo que percorre máis de 4 séculos de repertorio para instrumentos de vento, dende a súa orixe no Renacemento, ata os tempos contemporáneos, nunha aposta da BMSC polo respecto pola tradición ao tempo que abrenovos horizontes artísticos.

En outubro, o mes da música, porase o foco na música escénica: o 9 de outubro, véspera do Día Mundial da Zarzuela, interpretarase o programa "A zarzuela dos Madriles". A seguinte cita será o 23 de outubro baixo a batuta do director convidado Chema González Olivares, gañador do 2º Premio no I Concurso de Dirección da BMSC, que presentará un concerto titulado "Do tradicional ao vangardista", interpretando unha obra de Serge Lancen no centenario do seu nacemento. Péchase o mes da música o día 30 de outubro co programa "Ópera: destino verismo", cunha selección de partituras que permitirán mergullarse na evolución da corrente verista a través da ópera italiana.

Novembro estará dedicado ao cine, en sintonía coa celebración do festival Cineuropa en Compostela. A primeira cita musical será o 6 de novembro co programa "Cineuropa: do mudo ao sonoro", no que a BMSC interpretará unha das primeiras partituras do cine sonoro, "Lieutenant Kijé" de Prokofiev, ou a peza "The Pawnshop" do célebre compositor rianxeiro Antón Alcalde, escrita para acompañar a proxección do filme de Chaplin. O 20 de novembro, en colaboración cos Amigos da Ópera de Santiago e co Orfeón Terra A Nosa, e baixo a batuta do subdirector Casiano Mouriño, interpretaráse un novidoso programa de música contemporánea galega escrita para contos infantís de autores galegos. O broche do mes do cine será o concerto do día 27, "A banda sonora compostelá", no que se interpretarán 2 obras inspiradas na nosa cidade, unha delas do consolidado compositor Fernando Buíde, ademáis de facer a estrea mundial das 3 obras gañadoras do I Concurso de Composición da BMSC.

A arquitectura ten o seu lugar no mes de decembro. O primeiro concerto, "Do Gótico ó Art Noveau: viaxe coa música británica", será dirixido polo mestre convidado italiano Fabio Turra, gañador do 1º Premio no I Concurso de Dirección da BMSC, que propón unha perspectiva da arquitectura dende o repertorio folklórico inglés. "Eclecticismo parisino" é o concerto datado para o día 18 no que se fará un percorrido polas obras arquitectónicas máis representativas da cidade de París, contando coa participación do excepcional solista José Luis Vázquez Vidal, tuba da BMSC, e programando outra partitura de Serge Lancen. Este primeiro ciclo pecharase o día 23, no que en colaboración coa Banda Sinfónica Galega, ofrecerase o programa "Deseños neoiorquinos", continuando a homenaxe a Serge Lancen con outra das súas partituras máis célebres, e a célebre "Sinfonía nº2" de Johan de Meij.

Compartir: