MEDIO AMBIENTE

O Concello dá conta do Plan contra a seca e lembra a necesidade de facer un uso responsable da auga ante a situación de prealerta

23/08/2022 A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, deu conta esta mañá en rolda de prensa do Plan municipal contra a seca, que o Concello presentou en Augas de Galicia en decembro de 2021 e que establece as medidas a tomar en función das diferentes situacións decretadas nas cuncas dos ríos polo ente autonómico. Tamén lembrou a necesidade de facer un uso responsable dos recursos hídricos durante todo o ano e detallou as actuacións que o Concello vén realizando xa dende antes de que se decretara a prealerta. Estivo acompañada pola xerente de Viaqua, Ana Tejeiro.

O Plan de emerxencia ante a seca, presentado polo Concello ante Augas de Galicia en decembro de 2021, define as actuacións a realizar en función da situación decretada polo organismo de cunca. Establece tres posibles estados, dependendo da gravidade.

En primeiro lugar, en caso de prealerta por escaseza, situación declarada por Augas de Galicia o pasado venres na cunca do río Tambre, punto de captación para abastecemento de auga en Santiago de Compostela, establécense as seguintes medidas:
- Seguimento en continuo de indicadores de caudais, niveis e meteoroloxía.
- Redución de regas.
- Redución de baldeos.
- Campaña de sensibilización e acción social en redes sociais con consellos sobre como realizar un consumo responsable no fogar, especificamente na cociña, baño, piscina e xardín.
- Utilización do recurso para o estritamente necesario.

Mila Castro indicou que, se ben a prealerta foi decretada o pasado venres, "estas medidas xa foron adoptadas polo Concello de Santiago e Viaqua desde o 1 de agosto de 2022, co obxectivo de manter a reserva de auga nas mellores condicións". De feito, segundo indicou Tejeiro, o consumo municipal de auga pasou "dun 5% a estar en 2 e pouco".

A concelleira tamén anunciou que os municipios que se abastecen do Tambre manterán un encontro con Augas de Galicia mañá mércores, "unha reunión vital xa que as actuacións deben de ser realizadas e coordinadas de maneira conxunta tanto pola Xunta de Galicia como por parte de todos os concellos afectados". Mila Castro agarda, non obstante, "non pasar a situacións máis graves". Tanto a concelleira como a xerente de Viaqua lanzaron unha mensaxe de tranquilidade á poboación e sinalaron que a calidade da auga está garantida.

Medidas en caso de situación grave ou moi grave

O Plan de seca establece que, no caso de que se prolongue a situación e se considere grave, pasaríase a prohibir (mediante Bando municipal) todo o detallado no punto anterior, ademais de proceder a:
- Peche de fontes.
- Prohibición de regar hortas.
- Limitacións de uso industrial e consumos elevados.
- Reducións de presión nocturna na rede.

Como última medida, en caso de situación moi grave, só se poderá facer uso da auga de abastecemento para destinala ao consumo humano e procederíase a restricións de auga, inicialmente nocturnas e posteriormente en franxas horarias diarias.

O Plan recolle tamén unha descrición detallada da captación e sistemas de abastecemento en Santiago de Compostela, é dicir, un detalle de todas as instalacións que forman parte do sistema como a estación de tratamento de auga, os depósitos, as redes, etc. Nel descríbese tamén o protocolo de operación en condicións normais e establécense os indicadores a seguir como son consumos, caudais, demanda, previsión meteorolóxica, etc. Identifícanse os grandes consumos e os consumos considerados críticos como hospitais e xeriátricos.

Así mesmo, defínense os membros dos comités internos que realizarán o seguimento do Plan de emerxencia como son o Comité de Dirección, o Comité Técnico e Comité de avaliación e propóñense representantes nos devanditos comités de Augas de Galicia, Consellería de Sanidade, Servizos de emerxencias ou concesionaria do servizo, identificando quen asumiría cada actuación.

O 12 de xullo de 2022 recíbese a resposta de Augas de Galicia ao plan presentado para completar algúns aspectos, actualizacións que, segundo indicou a xerente de Viaqua, "se están incorporando ao plan, que se estima ter finalizado durante a primeira quincena de setembro".

Importancia do consumo responsable por parte de todos

Tanto Mila Castro como Ana Tejeiro quixeron facer fincapé na necesidade de facer un consumo responsable da auga durante todo o ano. "Este Concello desde hai uns anos e con carácter anual pon en marcha campañas de sensibilización en redes sociais e medios de comunicación sobre o uso responsable da auga xa que, como usuarios, é un ben que todas e todos debemos coidar. Ademais, este consumo responsable é algo que debemos facer durante todo o ano. É verdade que en época de seca aínda é máis importante, pero son costumes que debemos de implementar no noso día a día", lembrou a concelleira.

A xerente de Viaqua incidiu tamén na importancia tanto da "colaboración cidadá como por parte das empresas", pois "a participación de todos e os pequenos xestos ou cambios na nosa vida cotiá ou en procesos industriais axudarán á sustentabilidade do recurso".

Consellos

Para asegurar un uso racional, evitando malgastes, cómpre seguir recomendacións como as seguintes:

- Uso preferente de ducha fronte ao baño.
- Utilización da lavadora e o lavalouzas a plena carga e en programa económico.
- Evitar o lavado de coches ou patios con auga potable.
- Manter as billas abertas o tempo imprescindible de uso.
- Pechar levemente a chave de paso da vivenda se se vai a estar varios días fóra.
- Evitar regar o xardín e as plantas con auga potable e nas horas de maior calor.
- Manter a auga na piscina para garantir a propia estrutura do vaso, ademais de non desperdiciar o volume.

Compartir: