MEDIO RURAL

As obras de saneamento e mellora vial que se están executando neste momento na zona rural contan cun investimento de 846.025 euros

30/07/2022 Neste momento, o Concello de Santiago de Compostela ten en execución seis obras de saneamento dee mellora vial na zona rural por un importe conxunto de 846.025,56 euros. Estanse a desenvolver durante este verán, promovidas pola concellería de Medio Rural que dirixe José Manuel Pichel; unha parte con cargo a fondos propios do Concello de Santiago e outras no marco do POS+ en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Co obxecto de facilitar o desenvolvemento do rural compostelán, están a ampliarse as redes de abastecemento e saneamento municipais en diversos lugares a través das actuacións de "Ampliación da rede de abastecemento en A Ponte Alvar" por un importe de 130.420 euros; "Ampliación das redes de abastecemento e saneamento nas parroquias de Aríns, Laraño e Sabugueira"; por un importe de 135.420,01 euros e "Ampliación da rede de abastecemento en Piñeiro de Enfesta, Frades e Gunín (Enfesta)"; por un importe de 74.189,41 euros. En coordinación coa Concellería de Medio Ambiente, responsable do servizo municipal do ciclo integral da auga, execútanse simultaneamente as acometidas domiciliarias de aqueles usuarios que solicitaron a súa conexión.

Como continuación e finalización da mellora da conexión viaria entre as parroquias de Barciela e de Cesar tamén se están executando as obras de "Posta en valor do entorno residencial (Camiño Inglés) e acceso ao conxunto parroquial da Barciela" por importe de 166.420 euros e "Mellora do vial dende o entorno da N-550 en Barciela ata Casas de Arriba en Cesar: tramo da igrexa de San Andrés de Barciela ata cruce de Candelabeira" por importe de 231.420 euros.

O primeiro tramo de 145 metros de lonxitude, incluído no ámbito de protección do Camiño de Santiago Inglés, deseñouse seguindo os criterios de protección do patrimonio cultural. Crearase unha área de preferencia peonil para os residentes mediante unha plataforma única de firme de formigón lavado con árido visto, similar ao existente nos accesos á Igrexa de San Andrés de Barciela, e á formación da recollida das augas de escorrenta con lastros de granito. Tamén contempla a renovación e soterramento das redes municipais de abastecemento, pluviais e alumeado e a preinstalación soterrada das redes de electricidade e telecomunicación. A Actuación completarase coa instalación da sinalización viaria do tramo e coa conexión coa estrada nacional N-550.

O segundo tramo, de 2.238 metros de lonxitude, é continuación do xa executado con anterioridade na parroquia de Cesar. Consiste na ampliación da plataforma do viario existente, a renovación do firme de rodaxe mediante mestura bituminosa en quente, formación de plataformas de formigón nas paradas de autobús, a mellora das redes de drenaxe do viario ea instalación da sinalización de tráfico.
Finalmente, para a mellora da accesibilidade da veciñanza e dos usuarios do centro de día e ocupacional da "Asociación de Padres de Persoas con Discapacidade Intelectual" (ASPAS), execútanse as obras de "Rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa de Santa Teresa Jornet (2ª fase)" por un importe de 108.156,14 €. A actuación é continuación da anterior fase que rematou no acceso a Residencia San Marcos da congregación das Hermanitas dos Anciáns Desamparados a cuxa fundadora está dedicada a rúa.

Nesta segunda fase, de 435 metros de lonxitude, as obras consistirán na continuación da senda peonil pola súa marxe oeste, de dous metros de ancho máximo e acabado en formigón, e a rexeneración completa da calzada, requirindo a súa demolición previa, mediante a formación dunha nova base sobre a explanada do viario con balastro artificial e pavimentación final con mestura bituminosa en quente. Complementariamente, executouse a recollida de augas pluviais mediante rede de sumidoiros e gabias revestidas de formigón.

Compartir: