FESTAS

Santiago e Padrón renovan os seus fortes vencellos un Apóstolo máis

28/07/2022 As festas do Apóstolo celebraron este xoves o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse á Casa do Concello.

Xa no Salón Nobre de Raxoi, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, destacaron os máis de 60 anos de tradición desta irmandade entre Compostela e Padrón.

Antonio Fernández Angueira recordou que este ano Padrón recibiu a Declaración de Interese Turístico da Festa da Pascua, e recoñeceu que "Santiago é unha parte moi importante nestre logro". Tamén destacou esta visita como a ocasión para "festexar os nosos lazos culturais e industriais, pero sobre todo un sentimento mutuo que vén de moitos anos atrás".

Xosé Sánchez Bugallo destacou que Santiago e Padrón teñen "a relación máis estreita que se pode ter, desde o propio nacemento das vilas" e recordou que "compartimos unha vocación e un interese así como un tecido industrial, pero especialmente estamos unidas a través da peregrinación e do fenómeno turístico que este ano está a bater todos os récords".

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.

Compartir: