ACCIÓN CULTURAL

O XIX Feito A Man programa 31 actuacións en prazas e terrazas da zona vella compostelá

28/07/2022 Este ano participan no Feito a Man 16 locais da Asociación Cultural Cidade Vella, promotora deste festival que conta co apoio do Concello de Santiago e que chega á súa XIX edición co lema "no calor das rúas". Satélite Salitre, Mallou, Pedro Pastor y los locos descalzos, Comando Radar, Bia Ferreira ou Michelle Alany and Zirzuvi son algunhas das 31 propostas musicais desta edición.

O Feito a Man, a cita estival coa música ao vivo en Santiago de Compostela organizada pola AC Cidade Vella, chega á súa XIX edición coa volta á normalidade tras dous anos de restricións. Baixo o lema "no calor das rúas", neste 2022 o festival amplía datas e programación con 31 actuacións, do 10 ao 27 de agosto, en prazas e terrazas da zona vella compostelá para encher de música en directo emprazamentos históricos desta cidade Patrimonio da Humanidade.

O programa da XIX edición, presentado oficialmente esta mañá en Raxoi da man da concelleira de Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, inclúe a estrea do proxecto Satélite Salitre. Feito en colaboración entre o cantautor compostelán Pilo Sierra, o cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet e o baterista Lar Legido, Satélite Salitre nace como recordo e celebración artística do legado do músico Fran Pérez "Narf", sempre presente neste festival.

Entre as novidades con respecto a edicións pasadas, ademais do acceso libre aos espectáculos, está o peche do día 27 de agosto. O colofón deste XIX Feito A Man será na praza de Mazarelos a partir das 21.00 h coas actuacións de Brais Morán & Nasaufunk e a súa fusión de funk, disco e rock, e "os apóstolos do groove" Brinkadelia Troupe. A apertura, o día 10 de agosto, correrá a cargo do dúo O Intre, formado polo músico brasileiro Maurício Caruso á guitarra e cavaquinho e o bielorruso Vadim Yukhnevich á voz e ao acordeón.

Tamén procedente do Brasil, actuará no Feito A Man a multi instrumentista, compositora, produtora e activista LGTB e antirracismo Bia Ferreira coas súas potentes letras. Desde os Estados Unidos a música sefardí, balcánica e blues de Michelle Alany and Zirzuvi, o jazz manouche e o swing de David Regueiro Trío xunto ao francés Alexandre Cavaliere, e os cubanos Alejandro Vargas Trío e Mayquel González daranlle dimensión internacional a esta XIX edición.

En total serán 15 os días con actuacións (excluídos os domingos e o 15 de agosto) que se repartirán por distintas localizacións da zona monumental como a Vía Sacra, rúa Xelmírez, Tras Salomé, San Paio de Antealtares, o xardín do Momo, Quintana de Vivos, Santo Agostiño, Fonte de San Miguel, Praza Feixóo ou Tras San Fiz de Solovio.

A maioría de artistas e bandas son galegas, boa parte da propia cidade, seguindo a filosofía do Feito A Man de dar a coñecer a gran riqueza musical e as dinámicas e sinerxías que se dan entre artistas locais. É o caso de Nacho · Faia · Lar que se unen neste proxecto para experimentar coa tradición e a vangarda ou da banda compostelá de R&B Degüello. Tamén de Ale, o proxecto en solitario do compositor de Los Árboles, do trío Fuzzo que reúne a Virxilio da Silva, Xan Campos e Chus Pazos, tres grandes do jazz galego que presentan disco, ou Mallou, o dúo de música de raíz formado por Sabela Rey e Bexamín Vázquez, tamén con "Narf" como referente.

Radio Zapa!, Stormy Trucks ou Apart na categoría de rock, o jazz de Pablo Seoane Trío, Comando Radar e Viruxe Electric Trío, o rap de Andrés GS, o neosoul de Udra, o groove e electro-acústica de Narci Rodríguez dA Trío ou a fusión de cumbia, funk e música africana de Pedro Pastor y los locos descalzos son outras das 31 propostas diversas en estilos e sons que poderán escoitarse neste Feito A Man 22.

Compartir: