ACCIÓN CULTURAL

A narradora Ana Cabaleiro resulta gañadora da primeira edición do Premio Exeria

27/07/2022 O galardón a proxectos de creación literaria do Concello de Santiago premia á xornalista silledense cunha estadía na residencia Al Ma'mal na cidade de Xerusalén durante o mes de agosto así como unha axuda económica de 3.000 euros.

O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 –comandada por Yolanda Castaño– e o Consulado Xeral de España en Xerusalén xa ten gañadora. Un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro –coma o poeta e narrador Antón Lopo, o editor Paco Macías e a editora e tradutora Celia Recarey– escolleu o proxecto gañador entre preto dunha decena de candidaturas presentadas a concurso.

A avaliación das candidaturas revelou que a narradora Ana Cabaleiro coa súa proposta "Shukran" será nesta primeira edición do concurso a autora escollida para gozar dunha estadía nunha residencia creativa durante todo o mes de agosto, incluíndo dietas e viaxe a Xerusalén, será nesta primeira edición. A escritora aloxarase intramuros da cidade vella palestina, na residencia Al Ma’mal situada no barrio católico, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.

A cabalo entre o libro de viaxes e a non-ficción, a proposta titulada "Shukran" non só aborda unha viaxe ao Sáhara realizada pola súa autora, senón que reflexiona sobre o sentido da viaxe, o choque entre as expectativas e a realidade atopada e a evolución social e política dos nosos xeitos de viaxar.

Ana Cabaleiro
Licenciada en Ciencias da Información e Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola USC, cun TFM sobre contracultura e ciberactivismo, Ana Cabaleiro acumula vinte anos de experiencia como xornalista e traballa actualmente nun gabinete de comunicación institucional. Compatibiliza ese rol profesional coa narrativa de ficción e, nese sentido, conta con relatos publicados nunha chea de libros colectivos e medios escritos, pero máis especialmente con tres volumes individuais: o libro de relatos "Sapos e sereas" (Galaxia, 2017), a exitosa novela "As ramonas" (Galaxia, 2018) –que acadara o XXX Premio de Novela Manuel García Barros e fora editada en castelán en 2020– e a máis recente "Deixádenos remar" (Xerais, 2021), finalista do Premio Xerais de Novela 2020.

Cabaleiro mostrouse moi satisfeita por poder gozar dunha oportunidade coma esta para profundar nun proxecto literario que lle estaba a resultar difícil compatibilizar coas súas facetas profesional e persoal, e confía en poder regresar da estadía en Xerusalén non só cun libro rematado baixo o brazo, senón con interesantes experiencias, aprendizaxes e rede de novos contactos.

Compartir: