DEPORTES

Unha delegación de 47 deportistas de Compostela competirá na XIV edición dos Xogos do Eixo Atlántico

30/06/2022 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta mañá a participación de Santiago na XIV edición dos Xogos do Eixo Atlántico que se van desenvolver na cidade portuguesa de Maia do 4 ao 8 de xullo. A delegación compostelá está formada por 47 deportistas e 10 técnicos, que competirán nas disciplinas de fútbol 7, natación, baloncesto e atletismo adaptado.

A concelleira Esther Pedrosa destacou a importancia desta cita, que está de volta tras a pandemia "cuns deportistas máis motivados ca nunca" e agradeceu ao Eixo Atlántico a organización do evento.

O case medio centenar de deportistas que representarán a nosa cidade foron escollidos polo Club Natación Cidade de Santiago, a asociación ASPAS, a delegación local da Federacion Galega de Fútbol e a delegación local da Federación Galega de Baloncesto. En Maia uniranse aos preto de 2.400 mozos e mozas chegados de 28 cidades de Galicia e do norte de Portugal.

O delegado municipal nesta cita será Amancio Pena, quen foi o encargado de dar conta do plan de viaxe, que comezará coa saída da comitiva santiaguesa o luns 4, ás 09:00 horas dende o Estadio de San Lázaro. O horario de volta dende Maia, o venres 8, dependerá das finais ás que cheguen os/as deportistas composteláns/ás.

XIV edición dos Xogos do Eixo Atlántico

Os Xogos do Eixo Atlántico arrincarán a tarde do luns 4 de xullo coa celebración da cerimonia inaugural. O martes 5 de xullo dará comezo a competición, que se prolongará ata o venres 8 de xullo, data que se celebrarán as finais de fútbol-7 e baloncesto, as últimas do torneo.

Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra varias modalidades de deporte adaptado, coa participación de case 200 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación de todos os mozos.

Compartir: