EDUCACION

O alcalde felicita aos nenos e nenas premiados no concurso "Coñece o teu Concello", organizado por La Voz de Galicia

29/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo presidiu esta tarde o acto de entrega dos premios de redacción e debuxo "Coñece o teu Concello", organizado por La Voz de Galicia, e que conta coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña. Ao concurso presentáronse centos de traballos procedentes de Compostela e doutros 24 municipios da contorna.

Na modalidade de redacción, o primeiro premio acadouno Andrés Fonseca Caínzos, alumno do CEIP Pío XII, cun texto no que narra unha orixinal e futurista historia na que conta como podería ser, a través dun sono que tivo, o Santiago do ano 2.500. En debuxo, o primeiro premio foi para Alba Rodríguez Romero, do CEIP Cardeal Quiroga Palacios, que debuxou unha emotiva estampa de dous peregrinso contemplando a Catedral á súa chegada ao Obradoiro. Os dous recibiron, como premio, un iPad, que lle entrego o alcalde Sánchez Bugallo.

Os accesits nas modalidades de redacción foron para Alexia Naranjo Jorge, alumna do colexio Peleteiro e Aleixo Arán Montoya, alumno do CEIP Barrié de la maza de Santa Comba. E en debuxo, os premiados cos accesits foron Eiza Guitián Martínez, do Pío XII, e Nicolás Varela Santiso, alumno do colexio La Salle. Cada un deles recibiu, como premio, unha tablet.

Os colexios gañadores, Pío XII e Cardeal Quiroga Palacios tamén foron premiados cun ordenador portátil que lle entregou o concelleiro de Educación, Rubén Prol.

O alcalde felicitou aos nenos e nenas premiados e destacou todos os detalles que foron capaces de expresar a través dos textos e dos debuxos. Detalles que, sinalou José Luis Colomer, xefe comercial de La Voz de Galicia, permiten aos maiores coñecer os temas que os preocupan.

Ademáis do alcalde, do concelleiro de Educación, e de José Luis Colomer; no acto tamén estaban presentes os edis do PP Ramón Quiroga e Pedro Rey; Branca Novoneyra, de Compostela Aberta e a voceira do BNG, Goretti Sanmartín, que entregaron os premios dos accesits.

Compartir: