EDUCACIÓN

Realízanse tres simulacros de evacuación nas Escolas Infantís de Santiago

29/06/2022 As Escolas Infantís Municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños acolleron esta semana unha serie de simulacros simulando unha situación de emerxencia co fin de mellorar a seguridade dos escolares e dos profesionais do centro.

Os simulacros, que se levan a cabo coa actuación coordinada da Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, os técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís e o seu alumnado, permiten poñer en práctica un traballo eficaz de coordinación para implementar os protocolos de seguridade dos centros para nenos e nenas de curta idade.

Durante o desenvolvemento dos simulacros, plantéxase unha situación de emerxencia como é un pequeno incendio no comedor ou noutra estancia especialmente significativa da escola, o que desencadea a actuación de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.

Con respecto á cativada, no caso dos que andan, búscase que aprendan a actuar en caso de situación de perigo recoñecendo os sinais de emerxencia e que, ante estes, se agrupen e sigan as instrucións da profesora ou profesor, que será quen dirixa na práctica o operativo.

Ademais, este tipo de actuacións teñen por obxectivo a aproximación dos servizos de seguridade de Santiago á cidadanía compostelá, promovendo hábitos saudables e de conducta cívica dende as idades máis temperás.

A Rede Municipal de Escolas Infantís conta cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares do Departamento de Educación.

Compartir: