ACCIÓN CULTURAL

Constance Hurlé presenta ‘Sem grana e sem frescura’, residencia literaria que se celebrará na Zona C

27/04/2022 A Zona C acolle por vez primeira unha residencia literaria, que vén de concorrer á convocatoria de intervencións artísticas para este espazo, na modalidade de proxectos de creación literaria. No marco do proxecto celébrase un taller de escrita creativa os días 11,18 e 25 de maio e 1,8 e 15 de xuño, para o cal está aberto o prazo de inscrición ata o venres 6 de maio

A Zona C acolle por vez primeira un proxecto de creación literaria, que baixo o título 'Sem grana e sem frescura' da autora Constance Hurlé, vén de concorrer á convocatoria de proxectos de intervencións artísticas para a Zona C, na modalidade de proxectos de creación literaria. O último andar deste espazo convértese así no lugar onde realizar o proxecto da escrita nos meses de maio a xullo de 2022. O resultado do traballo de Constance Hurlé será a edición da obra. Así o presentou esta mañá a autora xunto á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Hurlé explica así este proxecto: "Durante case oito meses estiven viaxando facendo autostop ao longo de Brasil. Sem grana e sem frescura era unha das miñas frases durante a viaxe, trátase dun refrán brasileiro que quere dicir algo así como "sen cartos e sen miramentos". Esta obra, por tanto, mostra ese periplo por Brasil, unha viaxe durante a cal atravesei 16 dos 26 estados do país prescindindo dos cartos e as comodidades. O relato toma como punto de partida unha serie de notas e fragmentos que fun escribindo ao longo da viaxe, así como doutros textos escritos por persoas que me acompañaron nalgunha das etapas.

Durante eses meses vivín unha longa serie de aventuras, unhas fermosas e outras moi duras, converténdose a experiencia nunha aprendizaxe indiscutible. Asistín a rituais de culturas indíxenas, coñecín o Santo Daimán, tomei ayawasca, troquei ideia con outros viaxeiros, axudei a unha muller maltratada a abandonar ao seu home, estiven ingresada rozando a morte, fun vítima de acoso, leváronme á comisaría por unha equivocación, bañeime nas fervenzas máis fermosas que viron os meus ollos, aprendín a traballar o fío, a facer fogueiras, a durmir á intemperie e a cagar nun buraco cavado polas miñas propias mans. Agora chegou o momento de transmitir estas experiencias, por iso xorde a necesidade de facer da miña travesía unha novela".

Taller de escrita creativa

No marco da residencia literaria que Constance Hurlé realiza na Zona C, terá lugar un taller de escrita creativa. Esta actividade pretende incentivar a creatividade, desenvolver a imaxinación e promover o interese pola escrita e o coñecemento e bo uso da lingua.

Será os días 11, 18 e 25 de maio e 1, 8 e 15 de xuño en horario de 17.30 a 19.00h, dirixido para todos os públicos a partir dos 12 anos.

O número máximo de persoas é de 30 e a data de inscripción é até venres 6 de maio. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición no mail constancehurle@gmail.com

Constanza Garabatos Funes (Constance Hurlé), Vigo, Pontevedra, 1990
Licenciada en filoloxía clásica pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada no Máster en Investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona. No plano teórico participa e asiste a congresos de artes escénicas de forma activa e formou parte do Congreso Internacional para Jóvenes Investigadores de Estudios del Teatro, no ano 2018. Comeza dende moi pequena facendo teatro e pasará ao longo da súa vida por diferentes disciplinas e escolas de artes escénicas e danza, destacando a Escola Integral do Creador Escénico Vladimir Tzekov en Granada e A Artística da man de Olga Cameselle. No 2014 iníciase no microteatro coa peza dramática El día después. O seu primeiro proxecto poético musical é A mazá de Rosalía (2016). Conforma un dúo poético musical con Rui Grenha, con dous concertos presentados "bic in progre" (2017) e hacialaluz (2019), a partir dos cales publicará os poemarios bicmordido (2017, Ed. Carena) e hacialaluz: poesía, sonido, imagen (2019, Ed. La Fábrica de libros), alén dun fanzine poético autoeditado. Fai literatura coma medio de expresión das emocións e crítica social. Conxuga poesía e escena navegando polos xéneros híbridos. Recentemente foi premiada coa peza Monólogo para corpo en movemento no Festival FIOT (2020) e polo seu microrrelato Manaus no concurso de relatos contra a violencia de xénero organizado polo Concello de Ribadavia, novembro de 2020. Participa en festivais de poesía como o Keruac (2018) ou o Festival Nun Local (2018) con intervencións poéticas, alén de diversos eventos como slams, recitais, jams de improvisación vocal, etc. Dirixe e interpreta a obra de teatro contemporáneo Lara Hierro (Rianxo, 2022).

Compartir: