XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares

27/04/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe a "Convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso escolar 2022/2023".

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe a "Convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso escolar 2022/2023".

A estas axudas, convocadas pola concellería de Políticas Sociais e Saúde, dirixida por Mila Castro, destínase unha partida de 665.000 euros que segundo a proposta aprobada, "poderán ser incrementados en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito". Destes 665.000 euros, 197.569,35 estarán destinados a abonar as bolsas de comedor e actividades correspondentes aos meses de setembro a novembro do 2022, así como as bolsas de material escolar. Cos 467.430,65 restantes abonaranse as bolsas de comedor e actividades correspondentes aos meses de decembro do 2022 e ao período comprendido entre xaneiro e xuño de 2023.

A convocatoria establece as seguintes modalidades de axudas:

a) Bolsas para unidades familiares e de convivencia con escaseza de recursos económicos: destinadas a aquelas unidades familiares e de convivencia que, por situacións carenciais, teñen dificultades para afrontar gastos relacionados coa escolarización dos menores que teñen ao seu cargo. Poden optar a bolsas de comedor destinadas a facer fronte ao custo do servizo de comedor, ata un máximo de 90 euros ao mes; bolsas de realización de actividades extraescolares, de ata 15 euros ao mes no caso de actividades de unha hora ou día a semana e de 30 euros ao mes para actividades dende 2 horas á semana; e bolsas para adquisición de material escolar, para o alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil, cunha contía máxima de 60 euros nun pago único. Neste caso enténdese por unidades familiares e de convivencia con escaseza de recursos económicos, aquelas que non superan a renda per cápita anual de 6.948,24 euros (IPREM).

b) Bolsas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das unidades familiares e de convivencia destinadas a sufragar o custo do comedor, de ata 45 euros ao mes. Terán a condición de beneficiarias as unidades familiares e de convivencia (proxenitores solicitantes e menores beneficiarios) empadroadas e con residencia efectiva no Concello de Santiago de Compostela con persoas menores ao seu cargo, escolarizadas nos centros docentes públicos ou concertados do municipio sostidos con fondos públicos, e que cursen educación infantil (segundo ciclo) ou educación primaria obrigatoria.

Serán excluíntes as bolsas de comedor escolar pola modalidade de escaseza de recursos coas de conciliación, debendo cada persoa solicitante optar por unha das dúas modalidades.

As bolsas obxecto desta convocatoria tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, comparando as solicitudes presentadas e establecendo unha prelación entre elas, consonte os criterios de valoración establecidos nas bases e adxudicando, cos límites fixados nesta convocatoria e dentro do crédito dispoñible, aquelas que obteñan a maior puntuación en aplicación dos baremos establecidos.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no BOP.

Compartir: